O Atlético Villar segue a dar mostras de solidez na Terceira Rexional, despois de impoñerse por un convincente 3-0 ao C.D. Coya na xornada deste fin de semana. Esta vitoria permite aos locais manter o seu bo ritmo e preparar con confianza o próximo encontro, que os levará como visitantes ante o C.D. Nieto. O equipo dirixido por Denis está a demostrar unha mellora notable respecto á tempada pasada, cunha defensa férrea e un espírito colectivo que ilusiona á afección local.
O adestrador Denis, visiblemente satisfeito, analizou o encontro cun ton optimista: “O partido comezou ben, púxose de cara moi pronto cun gol de falta. E na segunda parte, bastante tranquila, xogamos con 10 xogadores e tivemos que sufrir un pouco, pero ben”, explicaba o técnico, destacando a capacidade do seu equipo para xestionar a vantaxe sen sufrir en exceso.
Esta vitoria chega nun momento clave para o Atlético Villar, que só coñeceu a derrota nesta tempada nun derbi disputado fóra da casa contra o Chapela, que rematou cun 4-1 final. Denis non dubidou en defender o rendemento do seu conxunto nesa xornada: “A verdade é que fóra da casa pasámolo mal ese día, pero ao resultado penso que foi inxusto. Pode que puideramos perder, pero a distancia no marcador non me parece a que merecemos como equipo. Na casa si que somos un equipo moi difícil de batir, é máis, en casa non encaixamos ningún gol no que vai de liga no noso campo. É un traballo de todo o equipo a nivel defensivo”.
O contexto da tempada pasada aínda resoa no vestiario. O ano anterior, o equipo descendeu da Segunda Rexional despois dunha traxectoria irregular, marcada polo desgaste ao final da competición. “O adestrador Mon fixo un traballo enorme, pero por desgraza o final de tempada por desgaste descenderon a terceira rexional. E agora estamos loitando por recuperar a categoría en segunda, que é onde debe estar o equipo. Estamos traballando con ese obxectivo. O ano pasado as lesións dificultaron a labor do equipo”, comentaba Denis, subliñando a importancia da unidade e a saúde do grupo para acadar os seus plans.
Un dos aspectos máis ilusionantes para o futuro do club é a integración de xoves talentos. “Xa contamos co debut dun xogador dos cadetes, Xoel, que fixo un gran partido e son o futuro para o equipo xuvenil que queremos conformar o ano que vén. Están tendo unha moi boa tempada e son moi importantes para o club. O outro día deron unha sorpresa cunha vitoria contra o Porriño como visitantes cun resultado de 3-4”, engadía o adestrador, recoñecendo o labor da base.
O Atlético Villar é un club humilde, con só dous equipos en competición –o cadete masculino e o sénior–, e un campo de terra que non impide a paixón dos seus xogadores. Denis fixo un chamamento á xente do pobo para reforzar o cadro: “A fortaleza máis grande do club é a xente do pobo que achégase sempre a animarnos e precisamos seguir reforzando”. Con este espírito comunitario e un obxectivo claro de ascenso, miran ao futuro con ambición. O próximo duelo ante o C.D. Nieto será unha proba máis para medir o seu nivel na categoría.
Terceira Galicia, A.D. Lavadores – Chapela C.F. (4-1)
Na Terceira División de Galicia, o Chapela sufriu unha derrota ampla ante o Lavadores, a primeira da tempada. Con todo, o equipo non se desanima e mantén viva a esperanza de recuperar a boa racha que o sitúa na parte alta da táboa clasificatoria. Na próxima xornada, recibirán ao Alerta Sanguiñeda nun duelo cargado de posibilidades, aínda que, a pesar do factor casa, o rival chega con moita forza, desesperado por sumar puntos con urxencia.
Terceira Galicia, C.E.D. Cotobade – C.D. Cesantes (2-3)
Pola súa banda, o Cesantes selaba unha nova vitoria nesta tempada estelar para o equipo na que aínda non sufriron ningunha derrota e manteñen o obxectivo do ascenso vivo. Atópanse de segundos na clasificación xeral e son un dos favoritos. Descansan na próxima xornada para recargar enerxía e voltar con máis forza a esta primeira volta de alegrías para o Cesantes.









