Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A asociación Lenda convoca á veciñanza polo día mundial da saúde mental

IMG20241031122946-scaled-qwdf0acgo8kip858h62tmlefgj6ml0sz3c2ex1qmbs

Foto da edición do ano anterior

O 10 de outubro, celébrase o Día Mundial da Saúde Mental, e a Asociación Lenda únese á conmemoración cun acto aberto na Praza de Alejandro Otero, baixo o lema “Compartirmos vulnerabilidade, defendamos a nosa saúde mental”. O evento, que se celebrará ás 11.00 horas no antigo Quiosco de Pepe, busca fomentar un diálogo aberto sobre os desafíos da saúde mental e promover a inclusión social, convidando á comunidade a participar de forma activa e solidaria. A programación inclúe a lectura do manifiesto anual, a presentación da 45ª edición da revista A Voz de Lenda e o anuncio do I Concurso de Relato Curto e Poesía Xuvenil, dirixido á mocidade para estimular a expresión creativa como ferramenta de sanación emocional. Para rematar, haberá música en directo, petiscos e café, nun ambiente deseñado para xerar apoio mutuo e solidariedade.

Maika Álvarez, psicóloga da asociación, e Deborah Gómez, educadora social, subliñan a relevancia destas datas para a visibilización, aínda que insisten en que o traballo pola saúde mental debe ser constante ao longo do ano. “Un día como este é unha oportunidade de reivindicación, de saír á rúa e falar de nós, de que se nos vexa. É verdade que cada vez se fala máis de saúde mental, pero non sempre se abordan os trastornos mentais graves. Hai unha maior demanda de servizos de psiquiatría e psicoloxía, e unha concienciación crecente sobre a importancia de traballar nisto, algo que nos afecta a todas as persoas. Nos últimos tempos, observamos que as unidades de saúde mental están saturadas, e os nosos servizos tamén se atopan algo desbordados. Levamos varios programas en marcha dende a asociación, e a demanda increméntase cada vez que lanzamos un novo. Por exemplo, grazas ao programa Conecta coa vida, de prevención do suicidio démonos conta do aumento da demanda e  agora dámoslle continuidade a través do programa Treba co que estamos comezando a facer a mesma labor“, explica Álvarez.

Nas últimas semanas, o equipo de Lenda traballou na elaboración do manifesto que abrirá o acto. Inspirado no texto da Confederación Saúde Mental España, pero adaptado á realidade local, este ano adopta o lema estatal elixido por votación do Comité de Primeira Persoa: Compartirmos vulnerabilidade, defendamos a nosa saúde mental. “Quere transmitir que todos e todas, en algún momento da nosa vida, somos vulnerables. Relacionámolo con grandes catástrofes, como o terremoto de Lorca, o volcán de La Palma ou os incendios deste verán. Tamén falamos do que está a ocorrer en Palestina estes días. Situacións dramáticas e incontrolables que afectan á saúde mental de moitas persoas, algo do que antes non se falaba tanto, pero que agora comeza a ser un tema aberto”, detallan dende a asociación.

Seguirá a presentación da 45ª edición da revista A Voz de Lenda, titulada En Positivo, que busca visibilizar o valor de poñer o foco nas calidades persoais, alén das dificultades. “Neste número, elaborado por usuarias, usuarios e algúns profesionais, trabállase arredor da metáfora do espello: como nos reflexamos e intentamos ver a parte positiva de nós mesmos. A sociedade exerce unha presión constante sobre o que facemos mal, o que non nos gusta de nós. Pero recoñecemos o noso valor como persoas, algo complexo, sobre todo cando se ten unha enfermidade mental. Inclúe experiencias persoais, poesía, dúas entrevistas – unha á Uxñia Pedreira e a outra a Hugo GZ, que pasaron por Lenda– e moito máis.Pódese mercar por unha doazón de 3 euros; bóta unha ollada e compártea”, invita Deborah Gómez.

O acto rematará co anuncio do I Concurso de Relato Curto e Poesía Xuvenil enfocado á comunidade. Dirixido a mozos e mozas estudantes dos centros educativos de Redondela, con temática de saúde mental, o certame abrirase mañá e pechará a finais de novembro. “Faremos unha presentación aproveitando a nosa experiencia na Lama: é unha apertura comunitaria. Explicaremos en que consiste, resolveremos dúbidas e contaremos os prazos. Haberá dous premios por categoría: relato curto e poesía”, avanzan as responsables. Os galardóns inclúen, para o primeiro premio de cada categoría, un vale de compra de 15 euros no comercio La Revancha –especializado en xogos de mesa e produtos locais– xunto con artigos elaborados no Centro Ocupacional de Lenda, como axendas, taboleiros ou pendentes artesáns. O segundo premio consistirá en diferentes produtos feitos no mesmo centro.

 Esta conmemoración chega nun contexto de alerta nas organizacións galegas de saúde mental, que reclaman políticas públicas con recursos axeitados, especialmente para a xuventude e as familias afectadas por trastornos mentais. A Asociación Lenda, con sede en Redondela, segue a ser un referente na zona na atención e prevención, cunha crecente demanda que subliña a necesidade de reforzar estes espazos de apoio comunitario.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Unha resposta

  1. ¡Qué bien que se hable de salud mental! Aunque Compartirmos vulnerabilidad, defendamos a nosa saúde mental suene a un mantra de meditación, es bueno ver que Lenda sigue trabajando en Redondela. Me encanta la idea del concurso de relatos y poesía xuvenil; ¡quizás los chicos escriban un manifiesto contra la saturación de los servicios psychiatricos! La revista En Positivo suena útil, pero ojo con los artículos sobre la parte boa: ¿no corren el riesgo de convertirse en un checklist de autocrítica para los que ya lo tienen difícil? Por cierto, ¿el primer premio es un vale de 15€ en La Revancha o un juego de mesa para reforzar la mente? ¡A ver si la presión es positiva!watermark remove ai

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará