A parroquia de Chapela celebra tres días de festa na honra de San Fausto onde non faltarán as actividades para os máis novos así como as tradicionais verbenas nocturnas. Un programa organizado polo Círculo Cultural e recreativo de Chapela que inclúe tamén unha cita gastronómica na xornada do domingo na que se poderá degustar carne ao caldeiro.
As festas arrancarán o sábado ás 18:00 horas con actividades pensadas para a mocidade e, xa pola noite, a partir das nove haberá verbena amenizada pola Orquestra Magos e o trío Arena.
O día grande será o domingo que arrancará ás 12:30 cunha misa cantada pola coral O Piñeiral e a procesión posterior. As 13:30 actuarán os grupos folclóricos Airiños de San Simón de Cesantes e Anaquiños de Chapela.
A carpa acollerá a degustación da carne ao caldeiro a partir das 14:30. Unha cita gastronómica na que se servirá o prato de carne acompañado de viño, pan, sobremesa e café a un prezo de 20 euros por persoa.
A mediatarde repetiranse ás actividades para os nenos e a xornada rematará coa música dos grupos América S.L. e o Trío Tic Tac.
As celebracións chegarán ao seu remate o luns con misa ás 12:30, actividades para a mocidade ás seis e remate coa música do Trío Azar a partir das 21:00 horas.









