Rande revive un ano máis unha das batallas navais máis emblemáticas da historia de Galicia: o enfrontamento de 1702 entre as flotas anglo-holandesa e hispano-francesa na ría de Vigo, durante a Guerra de Sucesión Española. A XII Conmemoración da Batalla de Rande, que celebra o 323º aniversario deste feito histórico, convida á veciñanza e aos visitantes a unha xornada chea de agarimo, tradición e recreacións que non se poden deixar pasar. O exterior do Museo Meirande acolleu esta mañá a presentación do evento, organizado pola Asociación Cultural e Deportiva (ACD) de Rande en colaboración co Concello de Redondela, Turismo Rías Baixas, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Xacobeo.
O programa, que combina historia, cultura e actividades familiares, desenvolvese os días 11, 18 e 19 de outubro. O sábado 11, na vila de Redondela, haberá un desfile polas rúas do centro ás 18.30 horas, que rematará cunha festa na Praza da Torre, seguida dunha rondalla de gaitas a cargo de A Noite das Febreiras ás 20.30 horas. Os días 18 e 19, na contorna do Museo Meirande en Rande, o público poderá gozar dun mercado tradicional, obradoiros de oficios antigos como alfarerí ou acuñado de moedas, tamén haberá concentración de embarcacións tradicionais, e representacións teatrais que recrean escenas da batalla e da vida cotiá da época. A directora teatral Mónica Sueiro, responsable da posta en escena, describiu estas representacións como “petiscos para unha batalla”, pequenas chispas que mesturan teatro cómico, realista, tensión, drama da guerra e comedia, sempre baixo o telón da historia. “Non podemos esquecer que isto é unha festa”, engadiu, invitando a todos a participar lembrando tamén que este ano o maior cambio acontece o sábado 11 de outubro que “non faremos nin xincana nin guía teatralizada, faremos un fin de desfile con música e unha gran festa para convidar a todo o mundo a achegarse as representacións da seguinte fin de semana”.
No acto de presentación, que reuniu a autoridades e organizadores, destacaron as intervencións de varios representantes. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, veciña da parroquia de Rande, agradeceu “o gran traballo da ACD Rande nesta conmemoración xunto coa veciñanza e persoas voluntarias“. Rivas salientou tamén “a excelente posta en escena” de Mónica Sueiro, na que participan actores profesionais e unha vintena de veciños e veciñas afeccionados. Como rexedora local, lembrou que este episodio histórico fixo da ría de Vigo “un lugar coñecido no mundo enteiro, que lembra a forza, a resistencia e a identidade da xente desta terra”. Ademais, o Concello destina este ano unha subvención de 22.000 euros, “o que constata o compromiso do Concello con Rande, coa súa historia e a súa xente”. Rivas convidou “a toda a xente de Redondela e bisbarra a achegarse a esta celebración”.
O deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, subliñou o valor unificador da cultura: “Unha vez máis, demostrando que a cultura é un vaso comunicante entre administracións, que xera sinerxías e demostra que algo que une as vontades de todas as administracións públicas e institucións, indistintamente das cores políticas que as gobernen, como debe ser”. Cubela evocou o contexto histórico: ” O 23 de outubro de 1702, máis de 20.000 homes e preto de corenta navíos cercaban a ría de Vigo, nestes treitos de Rande coa enseada de San Simón, para vivenciar unha das batallas máis importantes da nosa historia, que enfrontou as unións franco-española e anglo-holandesa na Guerra de Sucesión Española, un dos enfrontamentos máis importantes da nosa historia. Os navíos españoles estaban cargados con toda a riqueza e o tesouro das Américas, o que deu pé a todas esas lendas que hoxe coñecemos; tampouco ninguén pode certificar exactamente o que pasou, pero representou unha das batallas máis importantes da nosa historia, como dicía”. Felicitou á organización: “Polo tanto, hai que felicitar á Asociación Cultural e Deportiva de Rande, que 12 edicións despois seguimos aquí, consolidando esta organización, este evento, esta actividade e facendo, dentro das posibilidades de todos, a recreación e homenaxe ao que significou para Rande esa batalla, que posiblemente puxo a este lugar, a este pobo, no mapa da historia.
Carmen Pita, directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia, destacou o impacto turístico: “É unha honra para min estar hoxe aquí nesta presentación da conmemoración histórico-cultural desta Batalla de Rande, que ten unha gran proxección internacional e que posiciona a Galicia como referente en eventos de patrimonio mariñeiro e como aposta do turismo de Galicia pola desestacionalización, activando outubro coa cultura e o patrimonio, ampliando as motivacións de viaxe máis alá do verán e distribuíndo os fluxos turísticos no territorio”. Ao que engadiu que a programación “está viva coa veciñanza e con todo o turismo; eu quixera destacar que este evento ten uns públicos obxectivos moi diversos e está centrado en todo tipo de públicos: o público familiar, o público turístico e tamén o público local, que teña un coñecemento e un orgullo de pertenza, como dixo o deputado”.
O presidente da ACD Rande, Pedro Otero, foi o encargado de presentar o acto e de lembrar que conta coa Q de Calidade Turística. Tamén estivo presente Rita Pérez Táboas, concelleira de Cultura do Concello de Redondela, xunto coas anteriores autoridades. Este programa mantén fiel á tradición de conmemorar a Batalla de Rande, cun enfoque en actividades familiares e culturais que reviven o pasado mariñeiro da ría de Vigo.











