A finalidade principal deste proxecto é a protección do patrimonio histórico-etnolóxico do conxunto dos muíños de Daión e a promoción do valor paisaxístico e ambiental desa contorna e de todo o litoral do río Verdugo e da Ría de Vigo. Cursos de formación, roteiros de observación de aves e accións de voluntariado ambiental son algunhas das propostas que se van desenvolver neste mes de outubro.
O proxecto “A memoria sostible: a paisaxe litoral fluvial de Soutomaior” está promovido polo Concello e busca fomentar un turismo rural e de mar respetuoso que vaia da man da creación de espazos de lecer de calidade así como contribuír ao emprego sostible desde unha ollada pedagóxica do espazo que reverta no fomento de iniciativas nas vertentes medioambiental, socioeconómica e territorial.
Enmarcado neste proxecto organízanse un programa de actividades de sensibilización fluvial e marítima que arrancan o 11 de outubro cun curso de “Uso sostible e ambiental da ZEC Enseada de San Simón, do esteiro e do río Verdugo” con inscricións de balde na páxina web do concello de Soutomaior ata o día 9.
O día 12 haberá unha observación de aves con inscrición tamén ata o día 9 e xa o 19 de outubro terá lugar unha acción de voluntariado coa limpeza da praia. Neste caso as persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o día 16.
Ao logo do programa está previsto outras actividades como o roteiro ‘Camiños da auga’, as charlas divulgativas nos centros educativos, as accións de voluntariado ambiental para a limpeza de lixo e para a eliminación de especies invasoras, o deseño e colocación de paneis interpretativos sobre o río, biodiversidade, mar e muíños (con QR que nos dirixan a vídeos explicativos sobre o patrimonio cultural asociado) e unha xornada ecofeminista para visibilizar ás mulleres nas tradicións galegas desde o rural ata o mar.










