Os populares aseguran que o goberno socialista deixou escapar todas as oportunidades de financiamento polo retraso na tramitación urbanística dos terreos e a falta de interese na solicitude de subvencións. A formación liderada por Javier Bas lembra que esta escola é “imprescindible e irrenunciable” e esíxelle á alcaldesa que busque alternativas cos fondos da Deputación ou doutras administracións “porque é inadmisible que lle deixaramos todo listo en 2019 e o perdese”.
O PP lamenta que o goberno socialista de Digna Rivas teña “totalmente abandonado” o proxecto de construción da Escola Infantil de Chapela “despois de perder seis anos para a súa execución e deixase pasar ata catro convocatorias de axudas de fondos europeos impulsadas pola Xunta desde 2022 e que estaban orientadas exclusivamente ao financiamento destes espazos formativos.
Os populares criticaron que o executivo local deixase pasar todas as oportunidades desde o ano 2019, momento no que houbo cambio de goberno e no que, o equipo dirixido por Javier Bas asegura “deixou todo listo e acordado coa Xunta a falta da tramitación urbanística correspondente para cambiar a calificación dos terreos”.
Aseguran que “a Xunta estaba disposta a achegar ata 800.000 euros para unha escola infantil dun cento de prazas, pero tardaron case dous anos en facer a modificación urbanística, que quedou aprobada finalmente en marzo de 2021, e perderon eses fondos”.
O PP tamén valorou moi negativamente que o Concello non presentase ningún proxecto a ningunha das catro convocatorias realizadas polo Goberno galego para financiar a construción de escolas infantís municipais, que era a nova vía para sufragar o inmoble e que en principio non se vai lanzar de novo. “concellos como Mos, O Porriño ou Ponteareas si optaron a estas achegas para ampliar a súa rede de escolas infantís, e incluso tamén municipios socialistas, como O Grove ou A Guarda no mandato anterior, pero incomprensiblemente en Redondela non aspiraron a estas achegas”.
“Deixamos todo practicamente listo en 2019 e tardaron tanto nun pequeno cambio urbanístico que perderon a oportunidade do convenio, logo non aspiraron ás convocatorias de axudas e agora non teñen unha saída fácil para o financiamento” concluíu Bas.









