Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As Anpas denuncian o atraso nas axudas de comedor

comedor escolar

A Federación de Anpas de Redondela traslada o seu “profundo malestar” polo atraso na resolución das axudas de comedor de Servizos Sociais, un problema que se repite nos últimos anos e que, segundo denuncian, xeran problemas nas familias que precisan deste recurso para que os seus fillos e fillas poidan acudir ao comedor escolar. Por ese motivo esixen que as axudas se resolvan antes do inicio de curso e se modifique o procedemento no tocante ao papel das Anpas na tramitación destas axudas.

A Federación de Anpas considera inxustificable que “preto de outubro non se coñeza que nenos e nenas son beneficiarios das axudas de Servizos Sociais, destinadas a familias que precisan deste recurso para que os seus fillos e fillas poidan acudir ao comedor”. Unha demora que aseguran “xera problemas ás familias e carga de maneira indebida ás Anpas, obrigadas a asumir responsabilidades que non lles corresponden”.

Estas axudas, de carácter nominativo, están destinadas a familias con dificultades socioeconómicas que necesitan utilizar o comedor escolar. Aínda así, en Redondela son as Anpas as encargadas de xustificar a subvención “algo que non entendemos e que debe mudar”. Con todo, insisten en que o máis preocupante é a tardanza por parte do Concello na resolución das axudas.

O atraso na resolución provoca que moitas familias non envíen aos seus fillos e fillas ao comedor por non saber se recibirán a axuda, un aspecto que hai que ter moi en conta ao tratarse de familias con dificultades socioeconómicas.

No curso pasado, a resolución chegou a finais de outubro e, no ano 2023, no mes de febreiro do seguinte ano, unha situación que consideran “inaceptable”.

As Anpas denuncian que se lles trasladan responsabilidades que non son da súa competencia, nunha situación que lles é allea e que é responsabilidade total do concello e instan ao Concello a que dea unha resposta urxente ante esta situación, preocupante para as familias e completamente inxusta e irrespectuosa coa labor que realizan as Anpas na xestión dos comedores.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará