O Club de Remo de Chapela vive momentos de gloria tras unha tempada histórica que culminou cun fito sen precedentes: o ascenso do equipo masculino á Liga ACT, a competición de elite do remo a nivel estatal. Esta vitoria, lograda no play-off disputado este fin de semana pasada nas augas vascas de Portugalete, consolida o dominio galego do club e abre novas portas para o futuro. Mentres, o equipo feminino, campión galego por terceira vez consecutiva, pechou a tempada cunha actuación sólida, aínda que non puido ascender á Liga Euskotren.
O equipo masculino, dirixido polo adestrador Juan Zunzunegui, rematou en segunda posición no play-off, a só catro segundos do vencedor, o Santurtzi (20:04), e por diante de rivais como Kaiku (20:13), Arkote (20:18) e o moañés Tirán (20:28), con un tempo final de 20:08. Este resultado non só garante a praza na ACT senón que tamén significa o descenso de Kaiku, que defendía o seu posto na elite. “Saímos do fin de semana tal como o tiñamos planeado: fixemos regatas moi completas e, na última, a partir da metade, soubemos que estabamos case ao 100% clasificados. Desfrutamos o remate e despois, a celebrar e descansar un pouco”, explica Zunzunegui, visiblemente satisfeito co labor do seu grupo.
Esta tempada foi un éxito rotundo para Chapela, que se proclamou campión da Liga Galega de Traiñeiras por primeira vez na súa historia. Os dous primeiros clasificados galegos accedían ao play-off, e o conxunto chapelán só quedou por detrás do Santurtzi, o campión da Liga ARC, asegurando unha das dúas prazas dispoñibles. “Cambia a Liga ACT: os rivais son outros, o nivel é moito máis alto. Na clasificatoria da Concha enfrontámonos a moitos deles e gañamos algúns. No play-off, venciámonos ao que descendía da ACT, e agora Santurtzi ascende connosco, que era o noso principal rival. Sabemos que temos que dar un paso máis para ser competitivos”, engade o adestrador.
Zunzunegui é consciente dos retos que trae este ascenso. “Hai seis ou sete equipos con nivel altísimo, que levan anos traballando alí, pero cos de atrás, se facemos as cousas ben, podemos pelexar e non perder puntos para facer unha liga cómoda dentro da esixencia. Para nós, agora, o principal é non pasar apuros: o último descende directo dos 12 da Liga, o undécimo xoga a promoción. O noso obxectivo é traballar para evitar eses postos e estar entre o sétimo, oitavo ou noveno, que nos daría tranquilidade para preparar ben a tempada”.
O crecemento do club require un esforzo colectivo. “Agora mesmo, o club é coma se fosen tres: hai que manter a trainera B, a feminina e a masculina A, que competirá fóra. Iso implica delegados, titores e apoios en tres ligas distintas, máis os desprazamentos, que son un gasto económico importante. Estamos traballando para conseguir apoios suficientes“, subliña Zunzunegui, quen apela á solidariedade: “Precisamos o respaldo das institucións —Concello, Deputación, Xunta— e dos patrocinadores privados, aos que lles agradecemos o seu esforzo sempre co deporte local. Isto só é viable co traballo dos deportistas das categorías base, o presidente, os nosos patrocinadores actuais e todos os que queiran sumarse, sexa como patrocinador, deportista ou de calquera xeito”.
En canto á plantilla, o adestrador confirma movementos: “Agora hai descanso de adestramentos, uns días para desconectar, pero a directiva e eu temos moito traballo falando con xente e posibles reforzos. Estamos a traballar en novas incorporacións e manter o bo bloque que temos: a dinámica é a correcta, a xente cumpre e os resultados reflícteno. Non se trata de cambiar nada, senón de sumar algo ao que xa temos para reforzarnos un pouco“.
O equipo feminino, pola súa banda, dominou a Liga Galega con superioridade, como nos últimos anos. “Gañaron aquí con bastante marxe, e no play-off faltounos un chisco, como o ano pasado, cando quedamos á porta. Compites contra xente que só con evitar desprazamentos xa ten vantaxes, e as condicións son complicadas. Pero trabállase ben, domínanse as regatas locais e hai que seguir así”, resume Zunzunegui.
DÍA DO REMO
Para celebrar estes logros, o Concello de Redondela e o Club de Remo de Chapela organiza este sábado 27 de setembro a IX edición do seu Día do Remo, unha das festas máis emblemáticas da parroquia que pecha a tempada de verán cunha mestura irresistíbel de deporte, gastronomía e música. A xornada, que convida a toda a veciñanza a compartir unha experiencia única á beira da ría de Vigo, no Paseo de Cardona, comezará ás 11:00 horas cunha travesía en remo dende Chapela ata Rande e volta. Durante o percorrido, os participantes farán unha parada no Museo Meirande para unha homenaxe floral á xente do mar, un tributo cargado de simbolismo que lembra as raíces mariñeiras da zona. Á volta, os máis aventurados poderán rematar cunha carreira informal ata a capela local, engadindo un toque de diversión á ruta.
Ao rematar a travesía, os asistentes gozarán dunha paella de marisco ben mariñeira. Ás 14:00 horas, ásase un tenreiro ao espeto con guarnicións, para o que hai que reservar tickets, dispoñíbeis de forma anticipada nos establecementos colaboradores: Cafetería Kim Bay, Restaurante Casa Rei, Floristería Arealonga (no Mercado de Chapela) e o propio club.
O clímax chegará ás 17:00 horas coa regata de traiñeiras, onde os afeccionados poderán animar aos remeitos do Club de Chapela dende o peirao, nun ambiente de apoio comunitario cheo de vibración. Para rematar cunha nota alta, a música en directo e un DJ manterán a festa ata que “o corpo aguate “, como di o cartel promocional con humor. Ademais, a mascota Berete aparecerá con algunha sorpresa extra.
“Pois ben, este ano xúntase o ascenso á Liga ACT do masculino A, o primeiro título da Liga Galega da historia de Chapela tamén co equipo A, e a terceira vez consecutiva que gaña a Liga Galega o equipo feminino. Todo iso co Día do Remo, que é un dos nosos patrocinadores e colaboradores. Organízase o de todos os anos, pero cun puntito máis de celebración e desfrute en Chapela polo éxito do club e todo“, di Zunzunegui con entusiasmo, invitando a todos a unirse á festa que remata unha tempada de ouro e inicia unha nova era para o remo en Chapela.










