Sorpresa no pleno municipal. Logo dun longo debate no que parecía que tanto PP como BNG ían votar en contra da proposta do goberno local para adquirir o histórico inmoble da rúa Ernestina Otero, os nacionalistas déronlle o seu voto favorable. Isto permitirá destinar parte do remanente de tesourería, 659.000 euros, a adquirir este edificio para convertelo na nova biblioteca municipal. Precisamente este uso é o que xera máis dúbidas no Bloque. Pola súa banda os populares malia que aseguraron estar a favor da compra do edifico defendían que se empregara outra fórmula para o seu financiamento.
A concelleira de cultura Rita Pérez defendeu a adquisición de villa Elisa polo seu “elevado valor patrimonial” e porque o edificio sería o espazo ideal para acoller as instalacións da biblioteca, servizo que actualmente se atopa no Multiúsos e padece os inconvintes de compartir espazo con outras actividades que non garanten as mellores condicións para o estudo e a lectura.
Cualificaba esta compra de “investimento estratéxico para Redondela, garantindo un servizo aos cidadáns e preservando o patrimonio”. Insistiu ademais en que se trata dunha oportunidade única que non hai que deixar escapar e máis cando “hai capacidade económica por parte do Concello para adquirir o edificio”.
O edil de AER, Roberto Villar, membro tamén do grupo de goberno facía fincapé no apoio social que tiña a proposta “que conta co respaldo maioritario da veciñanza” e chamaba ao resto dos grupos a apoiar “a merca deste edificio que vai ser un acerto para Redondela e que beneficiará a toda a cidadanía”. Apuntaba tamén a posiblidade de que ademais da biblioteca se trasladara tamén a este inmoble o arquivo municipal.
Precisamente o uso do edificio é unha das cuestións que máis dúbidas xeran no BNG. Na súa intervención o edil nacionalista Xoán Carlos González aseguraba “non ter claro que ese lugar sexa o axeitado para albergar unha biblioteca que, segundo os estándares, precisaría de 1.400 metros cadrados, e neste edificio hai tan só dispoñibles 700″.
Cualificaron tamén de “temeridade e irresponsabilidade” por parte do goberno facer pública a negociación e os cartos que suporía adquirir este inmoble xa que fomenta a especulación. Criticaron tamén que cualifiquen esta compra como “estratéxica” cando outras obras “cualificadas de igual xeito como o museo nas antigas casas dos Mestres seguen sen facerse”.
Tan só os populares votaron en contra da proposta. Con todo, o seu voceiro, Javier Bas, asegurou na súa intervención estar a favor de poñer en valor o patrimonio e adquirir Villa Elisa pero discrepaban na fórmula para a súa compra. Entende os populares que o remanente de tesourería debería investitrse en financiar “os compromisos que hai cos colectivos de Redondela” como a construción dun auditorio na zona de Santa Mariña, a reforma da praza de abastos, as intalacións deportivas como o pavillón de Chapela ou a pista de atletismo, a escola infantil de Chapela e outras moitas obras pendentes “promesas realizadas polo equipo de goberno que están incumpridas e abandonadas nun caixón e este remanente debería ir para avanzar neses proxectos”.
Para a adquisición de Villa Elisa propoñía Bas que se destinaran os cartos que o concello vai recibir do plan +Provincia da Deputación.
Unha vez que este edificio pase a mans do Concello está previsto que se proceda ao seu acondicionamento para crear unhas infraestruturas funcionais para a biblioteca.










