“La Revancha” inaugura apertura en Redondela, a tenda que vai converter as noites de sofá en batallas épicas de taboleiro, quebracabezas endemoñados e maquetas orixinais para todos os gustos e intereses. Na rúa Pai Crespo, número 58, as portas estarán abertas este sábado 27 de setembro ás 18:00 horas, cunha festa inaugural con petiscos e bebidas, para que os xogadores se coñezan e fagan equipo dende o primeiro movemento.
Andrea, a propietaria da tenda, explica que a idea xurdiu dunha paixón persoal “un pouco por hobbi, porque a min gústanme moito os xogos de taboleiro, os quebracabezas, os puzzles, o tema dos montables”, conta Andrea, quen salienta que agora non hai que desprazarse para poder atopar xogos diferentes e difíciles de conseguir. “Moitas veces o que me pasa é que me teño que desprazar de Redondela, a non ser que sexan xogos máis comerciais, máis televisivos, pero as últimas novidades ou algo moi específico xa me teño que ir fóra, e ao final dáme moita rabia”, engade, motivando así esta “aventura un pouco loca” para ofrecer unha opción local onde poidan tocar os produtos, coñecer o tamaño real dun taboleiro ou unha maqueta –que a miúdo parecen minúsculos en fotos– e recibir consellos personalizados. “Poder preguntarche a alguén e que che explique un pouco as nocións básicas do xogo, como funciona, se é para máis ou menos xogadores, para máis ou menos idade, recomendar a categoría: se é de cartas, de taboleiro, de estratexia ou máis distendido”, detalla.

A tenda diríxese principalmente a un público adolescente e adulto, con xogos a partir dos 7-8 anos, xa que considera que os para nenos máis pequenos xa están ben cubertos por outros establecementos en Redondela. “Eu creo que si que está aumentando moito outra vez a demanda de xogos, e por iso están saíndo tantos e para todo tipo de público, con moitas categorías, duracións e número de xogadores”. Para ela, que tamén é afeccionada aos videoxogos, os taboleiros representan unha forma única de compartir: “Un videoxogo gústame xogalo eu só por gusto propio, pero un xogo de taboleiro gústame compartilo, e esa sensación é moi bonita, porque estás charlando, tomando algo ou cenando e despois di: ‘Que sacamos un xogo de taboleiro?’, e o compartes, o disfrutas… e case sempre rematas pedindo unha “revancha” para non deixalo aí, un guiño ao nome da tenda.


En canto á oferta, “La Revancha” combinará clásicos eternos como o xadrez, o parchís, a Oca, as damas, o Rummikub, o dominó, o Monopoly ou o Trivial con “clásicos modernos” como o Catán, o Ticket to Ride ou o Ghost Blitz. Tamén haberá xogos temáticos e colaborativos, como duelos do Señor dos Aneis, batallas de Star Wars ou Pandemic, xunto con opcións rápidas en auxe como o Taco Cat, os Homes Lobo ou o Virus. “Non ten que ser todo de votarse coitelos, colaborar de vez en cando tamén está ben”, bromea Andrea sobre os xogos cooperativos como a Illa Prohibida ou o Misterio. Ademais, inclúe novidades como o Turing Machine, un xogo que ela mesma descubriu recentemente e que considera “un juegazo” para resolver enigmas. A idea é formar unha comunidade onde compartir recomendacións: “Que a xente veña e busque ese xogo, e dentro das categorías, intentar atopalo e compartir esa información para crear esa comunidade “.
Unha das novidades destacadas é o servizo de aluguer de xogos que comezará en outubro. Andrea explica que ve esta modalidade como beneficiosa para todos: evita que os xogos queden esquecidos nun armario e permite probar antes de comprar. Haberá tarifa diaria, unha oferta de fin de semana (de venres a luns) e un máximo dunha semana consecutiva, cunha fianza que se devolve se o xogo volve intacto. Ademais, o diñeiro do aluguer descontarase do prezo de compra se se decide adquirir o xogo: “Imaxina que alugas un que custa 25 euros e pagaches 5 polo aluguer; en vez de 25, pagas 20, e devólvese a fianza”.
A tenda non se limita aos taboleiros: tamén ofrecerá maquetas de madeira como o castelo de Hogwarts, o campo de Quidditch ou un pinball da Snitch Dourada, todas con movementos, luces ou detalles especiais, sen necesidade de cola na maioría. “Vén nunha plancha troquelada, cun manual como un Lego, vas montando as pezas”, describe. Completarán a oferta figuritas tipo Lego en miniatura –cunha cabe en man– temáticas de Pokémon, Mario, Marvel ou Star Wars, “un pouco popurrí, coma os Funko pero con pezas de Lego”.
Para promocionar a apertura, Andrea lanzou un sorteo en Instagram (@larevancha_redondela), con mini-mostras de xogos como o Color Rain ou Toma 6, cintas para transportar barallas, chapiñasb e un vale de 5% de desconto. “Van ser catro gañadores entre os 100 primeiros tickets, e isto vai empezar xa o sábado”, anuncia. Con esta iniciativa, “La Revancha” non só abre unha tenda, senón que busca recuperar a maxia dos xogos compartidos nunha comunidade cada vez máis conectada.











