O Concello impulsa a compostaxe, a recollida de aceite usado e a reciclaxe de roupa e calzado grazas ás axudas da Xunta e fondos europeos NextGenerationEU. A iniciativa supón un paso adiante no compromiso municipal coa sostibilidade, a economía circular e a loita contra o cambio climático.
O programa abrangue tres ámbitos principais: a compostaxe doméstica, para dar unha nova vida aos residuos orgánicos, a recollida separada de aceite de cociña usado, co fin do seu aproveitamento posterior e a recollida e reciclaxe de roupa e calzado usados, fomentando a reutilización e a redución de residuos.
Ademais, desenvolveranse campañas de sensibilización en centros educativos, asociacións e colectivos sociais, xunto con visitas porta a porta a vivendas, bares, restaurantes e comercios. O Concello tamén distribuirá materiais informativos e ferramentas de seguimento para avaliar os resultados.
O obxectivo é incrementar a recollida e o aproveitamento dos residuos, reducir o impacto ambiental e xerar beneficios sociais, económicos e ambientais para toda a poboación.
O programa estará activo ata o 30 de novembro de 2025 e contribúe ao cumprimento da Lei 7/2022 de residuos e solos contaminados, marcando un novo avance cara a unha xestión máis eficiente e respectuosa co contorno.









