O Concello sospeita que detrás da sabotaxe que deixou sen luz era área recreativa podería estar algún veciño da zona xa que “hai desacordos entre a veciñanza sobre a intensidade da iluminación”. O concelleiro Roberto Villar lamenta que “alguén puidera tomarse a xustiza pola man e cortar o cableado” e advirte que este acto puido ter consecuencias persoais xa que cando se cortaron os cables había tensión eléctrica nos mesmos.
A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade denuncia o corte deliberado da liña eléctrica que subministra enerxía para a iluminación do Parque de Santo Estevo de Negros. O parque, que conta con zona de xogos infantil, un área de descanso e pista deportiva, está xunto á N-555.
Logo de recibir o aviso de que o alumeado público do parque non funcionaba, os operarios comprobaron que a liña fora cortada cuns alicates ou tenazas. “Isto supón unha manipulación clara dunha persoa irresponsable coa intención de deixar o parque sen luz”, denuncia o concelleiro Roberto Villar. O edil advirte que o responsable deste acto “puido causar unha desgracia a calquera que se achegase, ou incluso a el mesmo, porque cando cortou os cables había tensión eléctrica e o cable que deixou cortado tamén tiña tensión eléctrica sen ningún tipo de protección”.
Villar lembra que desde que se inaugurou o parque houbo desacordo entre a veciñanza en canto á intensidade da iluminación nocturna “uns dicían que iluminaba moito e outros dicían que iluminaba pouco”. Actualmente o alumeado conta cun sistema que permite rebaixar a iluminación “pero tampouco hai acordo nos horarios, porque tamén hai cidadáns e clubs que empregan a pista deportiva e precisan iluminación”.
Ante estes desacordos, Villar sospeita que algún veciño “tomou a xustiza pola man e, en lugar de trasladar ao Concello as súas queixas, decidiu cortar o cableado”. O edil denuncia esta actitude xa que “supón un prexuízo para a veciñanza, un custe económico para as arcas municipais e, sobre todo, un grave risco”. Este tipo de actitudes por parte da cidadanía son máis frecuentes do que deberían, segundo denuncia Villar. “Pásanos moitísimo cos sinais de obra, a xente móveos ou quítaos, e iso xera un perigo para os transeúntes e vehículos”. Desde a concellería de Infraestruturas e Sostibilidade fan un chamamento “ao civismo e o respecto” para frear este tipo de condutas.









