A Asociación Lenda desenvolve un programa de prevención do suicidio que busca realizar accións de visibilización, prevención e apoio a persoas con condutas suicidas e as súas familias. No Día Mundial da Prevención do Suicidio que se conmemora cada 10 de setembro, a psicóloga da asociación Elsa Sía manda unha mensaxe de esperanza e convida a achegarse a este programa a calquera que poida estar interesado contactando con eles a través do enderezo asoclenda@gmail.com ou no teléfono 986 40 42 00.
O suicidio é unha realidade complexa e multicausal, que pode afectar a calquera persoa en momentos de sufrimento, desesperanza ou sobrecarga emocional. “É normal ver as veces todo negro e pensar que para deixar de sufrir a única alternativa é o suicido, pero sempre hai alternativas e sempre hai outras camiños que explorar para recuperarnos”. Son palabras de Elsa Sía psicóloga da Asociación Lenda quen insiste en que é preciso falar deste tema que durante décadas foi tabú e que segue a estar marcado polo estigma.
Sía lembra que se trata dun dos “máis graves problemas de saúde pública actualmente” polo que é preciso falar sobre el para derrubar mitos e buscar solucións. Precisamente ese é o obxectivo do programa “Conecta coa vida” que se iniciou hai un ano e que continúa agora baixo o nome “Treba, proxecto vital” mantendo os mesmos obxectivos: desmontar os mitos, detectar as sinais de alerta, achegar ferramentas sobre que facer cando alguén non traslada que pensa no suicidio como nunha saída e tamén acompañar as persoas en risco.
Explica Elsa Sía que o cambio no comportamento habitual dunha persoa pode ser unha sinal de alarma que nos debe leva a estar en alerta e insiste en que non hai un perfil específico aínda que si factores de risco como ser home, padecer unha enfermidade mental, se houbo intentos previos.
Cada vez a idade na que se presentan os problemas de saúde mental é máis temperá, sobre todo na adolescencia. Pero as condutas suicidas tamén se multiplican entre persoas maiores que padecen problemas de soidade e que moitas veces son os grandes esquecidos.
Con todo, Sía lembra que hai esperanza e que hai saída “as persoas o que queren é deixar de sufrir e o camiño non ten por que ser morrer, podemos explorar outros camiños”.









