Foto de Xoan Carlos González
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Redondela instou ao goberno local, liderado por Digna Rivas (PSOE-AER), a abordar de inmediato a regulación das vivendas de uso turístico (VUT), un tema que consideran urxente pola súa incidencia no acceso á vivenda na vila. Segundo o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, o Concello está a incumprir a súa responsabilidade ao ignorar unha proposta presentada hai máis dun ano para elaborar unha normativa básica que regule este mercado.
O BNG estima que arredor de 300 pisos e casas en Redondela están destinados ao aluguer turístico, o que, segundo denuncian, “retira un número significativo de vivendas do mercado de aluguer tradicional, dificultando o acceso á vivenda para moitos veciños e veciñas”. González cualifica de “irresponsable” a actitude do goberno municipal por non dar resposta á proposta entregada hai máis dun ano, que incluía medidas como delimitar os espazos urbanos onde se poderían instalar VUT, os andares permitidos nos edificios e o tempo máximo de uso ao longo do ano.
“Lamentamos que o goberno de Digna Rivas non estivese á altura das circunstancias”, sinalou o voceiro, quen recordou que o BNG ofrecera o seu apoio para traballar conxuntamente nunha ordenanza que equilibre o dereito dos propietarios a destinar as súas vivendas ao turismo co dereito da veciñanza a acceder a un aluguer asequible. González advertiu que o problema “medra ano tras ano” e insistiu na necesidade de ordenar este mercado para evitar que se agrave a crise de acceso á vivenda
O BNG tamén destacou que a lexislación actual permite ás comunidades de propietarios decidir se autorizan VUT nos seus edificios, unha ferramenta que consideran insuficiente sen unha regulación municipal clara. Ademais, no marco da defensa do acceso á vivenda, a formación nacionalista presentou alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para incrementar o chan destinado a vivenda de promoción pública, unha competencia que reclaman á Xunta de Galicia.
“Poñemos o acceso á vivenda como prioridade para atraer e manter poboación en Redondela”, concluíu González, lamentando a “falta de diálogo” do goberno local ante un dos retos clave para o futuro do concello.









