O Concello de Redondela está a promover o achegamento da mocidade ás novas tecnoloxías a través dos campamentos “Aventuras Dixitais”, que se desenvolven durante o verán na aula CEMIT do municipio. Estes obradoiros, de carácter gratuíto, ofrecen aos participantes a oportunidade de explorar ferramentas como computadores, tabletas, impresoras 3D e kits de robótica, ademais de iniciarse en programación, ciberseguridade e intelixencia artificial mediante sesións teóricas e prácticas.
A alcaldesa, Digna Rivas, acompañada polo concelleiro de Novas Tecnoloxías, visitou esta mañá as instalacións onde se imparten os cursos. Alí, os mozos e mozas compartiron as súas experiencias e mostraron os robots que están a programar. Rivas destacou o entusiasmo dos participantes e animounos a presentar propostas para futuras actividades tecnolóxicas dirixidas á xuventude.
Os campamentos, que continuarán na primeira semana de setembro, están financiados polo Ministerio de Juventud e Infancia con fondos da Unión Europea. A iniciativa está a rexistrar unha gran acollida entre a rapazada, que valora a oportunidade de “xogar e aprender” nun entorno dinámico e innovador.










