A Policía Local de Soutomaior informou a través das súas redes sociais das medidas de seguridade e tráfico que se aplicarán este sábado, 30 de agosto, con motivo da XIX edición da Baixada de Carrilanas de Arcade de Riba. Para garantir a seguridade dos participantes e do público asistente, levaranse a cabo cortes de tráfico nas zonas indicadas en dous mapas oficiais, a partir das 10:00 horas do sábado.
Ademais, establécense restricións de aparcamento en varias áreas. Dende o venres, 29 de agosto, ás 8:00 horas, estará prohibido estacionar na contorna do CEIP Manuel Padín Truiteiro debido a labores de montaxe. Así mesmo, a partir do sábado, 30 de agosto, ás 8:00 horas, tamén se prohibirá aparcar na Aldea e a súa contorna.
Para facilitar o acceso do público, habilitaranse dous aparcadoiros disuasorios: o de Salgueirón (https://maps.app.goo.gl/NbpRLw3naakDEDSD7) e o do Casas (https://maps.app.goo.gl/6gA1KgazqffUVpEQA). A Policía Local anima á cidadanía a gozar desta xornada festiva con responsabilidade.












