A día de hoxe son máis de 30 as persoas que se puxeron en contacto con Begoña Pérez interesadas en formar parte dunha plataforma que busca unir forzas e mobilizarse para recuperar os cartos que no seu día lle entregaron ao propietario da axencia de viaxes LOA para abonar billetes de avión, estancias en hoteis ou viaxes organizadas que nunca chegaron a realizarse.
“Os cartos que se nos adebedan superan con moito os 36.000 euros” explica esta afectada quen estima que incluso se podería superar a cifra dos cen mil euros pero que, en todo caso, está moi lonxe da estimación que se barallaba nun primeiro momento.
O seu caso é un de tantos: contratou unha viaxe a Canarias, pagouna en efectivo e cando se achegaba a data de voar recibiu escusas ata que finalmente atopouse coa situación que comparte co resto dos afectados “esa viaxe non estaba contratada e tampouco me devolveron os cartos”.
Coa sensación de ter sido “estafada e enganada” decidiu poñer en marcha esta Plataforma integrada actualmente por máis de 30 persoas “que representan a outras moitas, xa que adoita entrar na plataforma quen pagou a viaxe de toda a familia ou dun grupo de amigos que poden ser 4 ou cinco”.
Todas estas persoas xa presentaron a correspondente denuncia na Policía Nacional e agora están a estudar as xestións que teñen que realizar para poder recuperar os cartos. En principio o propietario de LOA comprometeuse a devolver o que debe “a través das mensaxes que recibimos os afectados, nos que fai un recoñecemento da débeda e comprométese a saldala no prazo de seis meses”. Explica tamén Begoña que legalmente neste momento non hai estafa porque hai recoñecemento de débeda pero “nós sentímonos estafados” e consideramos que actuou de “mala fe”.
Teñen previsto celebrar unha reunión nos vindeiros días para coñecerse e poñer en común os pasos máis axeitados de proceder nun caso que deixa un regueiro de queixas e denuncias en Redondela e noutros concellos da contorna de persoas que viron truncadas as súas vacacións.









