O reto de José Manuel Alonso, Nemesio Vázquez, Marisol Piñeiro, Laura Reboreda e Xurxo Alonso era chegar ao Mulhacén. Todos eles forman parte dun grupo de sendeirismo que congrega en Redondela máis dun cento de persoas. Logo de realizar diferentes percorridos de menor esixencia e animados pola satisfacción de completar cumios en Pena Trevinca ou o quilómetro vertical do Caurel, foron subindo en dificultade ata marcarse este desafío: chegar ao pico máis alto da península. A seguinte meta é subir ao Teide.
O Mulhacén atópase en Granada e chegar ao seu cumio supón superar os 3.479 metros desta montaña. “Forza mental e apoio entre os compañeiros” é o fundamental para poder superar unha distancia destas características.
A isto hai que sumar a preparación física que esixe realizar este percorrido cargando cunha mochila na que o peso principal é a auga “é preciso levar catro litros de auga, algo de abrigo porque nunca se sabe como vai estar o tempo no máis alto da montaña e tamén algo de comer para repoñer forzas”.
A temperatura en Granada era superior aos 40 graos pero esta situación non os desmoralizou “só unha alerta vermella podía facer que desistiramos da experiencia”. Unha temperatura que foi diminuíndo conforme subían á montaña. Foron máis de cinco horas de andaina cun par de paradas para descansar. Nese tempo percorreron os 13 kilómetros en continua pendente que separan a base do cumio. A isto hai que engadir a baixada “na que as veces se sofre máis xa que se resinten os xeonllos e os pes e sempre hai máis risco dunha caída”.
Recoñecen que a experiencia “foi dura” pero tamén “moi satisfactoria” e márcanse como próximo obxectivo subir ao Teide, volcán emblemático en Tenerife cunha elevación de 3.715 metros.
Animan tamén a toda a veciñanza a achegarse a este grupo de sendeirismo no que o compañeirismo é o fundamental e no que non hai ningún requisito previo “só gustar de facer exercicio, socializar e participar das diferentes andainas a maior parte das cales son asequibles a calquera participante”.











