Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela prepárase para o seu evento máis multitudinario

entroido verán

O Entroido de verán é, sen ningunha dúbida, o evento que maior número de persoas congrega no centro da vila. Unha celebración que terá lugar este sábado 23 e que arrancará xa de mañá coa invasión de milleiros de persoas animadas a participar na vixésimo sexta edición desta festa de disfraces. A programación arrancará ás 18:00 horas coas tradicionais actividades infantís na praza de Ponteareas e na pista da Xunqueira mentres que os concertos a cargo de The Rapans e Carlos Jean no Campo da Feira comezarán ás 23:00 horas. No mesmo espazo celebrarase previamente a gala Drag presentada por Carlos Veleiro e unha sesión DJs que comezará as 19:00 horas.

A festa arrancará coa chegada de todas esas persoas disfrazadas que non queren perder unha nova cita cun entroido de verán que naceu xa hai 26 anos. Unha festa que foi medrando e que inclúe tamén unha programación cultural e festiva organizada polo concello que arrancará coas propostas pensadas para os máis cativos en tres espazos diferentes: na praza de Ponteareas onde haberá inchables con auga a partir das seis da tarde, na pista da Xunqueira con inchables e festa da escuma a partir das nove e na praza da Torre coa actuación ás 20:30 de Brais das Hortas.

Rita Pérez, concelleira de cultura

A programación pensada para os adultos arrancará cunha sesión de Djs ás 19:00 horas a cargo de Kike Varela, Borja Rúa e Olalla González. Sesión Dj que se retomará a partir da unha da madrugada con Samu Pexe e Rodri Vegas quen nos falaba desta actividade

Rodri Vegas Dj

As 21:30 horas tamén no Campo da Feira desenvolverase a Gala Drag, unha gala “non apta para ofendiditos” afirma o presentador, showman e monologuista Carlos Veleiro, que actuará como mestre de cerimonias.

Carlos Veleiro, presentador gala Drag

Os pratos fortes da xonrada chegarán ás 23:00 horas coas actuacións do grupo de Muros The Rapants, unha das bandas galegas con máis proxección nos últimos anos que achegarán a Redondela o “pop surfeiro e alegre” do seu último disco “La máquina del buen rollo” e a actuación do compositor, produtor e DJ, Carlos Jean quen amosa a súa satisfacción por regresar a Galicia.

Carlos Jean, compositor e músico

Transporte público

Para facilitar a mobilidade e evitar a chegada masiva de vehículos privados a Redondela haberá autobuses cada media hora entre Vigo e Redondela e cada hora dende Pontevedra e Porriño. Os autobuses funcionarán a partir das 18:00 horas e haberá transporte público de volta ata as seis da madrugada.

Rita Pérez fai un chamamento a empregar o transporte público

Operativo de seguridade e puntos de igualdade

Unha cita que aglutina no centro da vila milleiros de persoas polo que o Concello porá en marcha un dispositivo de seguridade encamiñado a garantir unha festa sen incidentes establecendo medidas de prevención e resposta ante posibles incidencias, contando cunha coordinación entre os distintos corpos de seguridade e emerxencias: Policía Local, Policía Nacional, Garda Civil e Protección Civil. Ademais, estará operativo un hospital de campaña ao lado do Concello que este ano incrementa o persoal sanitario cunha médico máis e haberá dous Espazos de Igualdade, cun punto fixo ao lado do hospital de campaña e outro itinerante que percorrerá todos os espazos da festa co obxecto de atender a posibles vítimas de agresións sexistas e realizar tamén unha campaña de sensibilización e concienciación.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará