Fotos: Asociación Alén Nós
A Consellería de Cultura iniciou este luns os traballos de restauración do conxunto escultórico do Capitán Nemo na praia de Cesantes. Aproveitando a baixamar os operarios procederon a retirar un dos buzos que se atopaba derruído. A Asociación Alén Nós días atrás lamentaba que tras case seis meses desde o anuncio oficial da restauración por parte da Xunta non se observase ningún avance nas xestións comprometidas. Unha denuncia pública que agora ten resposta co inicio desta actuación encamiñada a recuperar este conxunto situado entre a praia da Punta e a Illa de San Simón.
A Consellería arranca así uns traballos que buscan recuperar a escultura instalada na praia da Punta no ano 2004 en homenaxe á novela Vinte mil leguas de viaxe submarina de Xulio Verne e que presenta un estado de deterioro preocupante. A Xunta activa así unha actuación comprometida no mes de marzo cando anunciara que xa estaba encargado o traballo de restauración ao escultor Sergio Portela, valorando os investimentos realizados desde 2012 —uns 20.000 € repartidos en catro intervencións— e insistindo na importancia de preservar esta peza patrimonial.
Un conxunto escultórico do ano 2004 obra de Moncho Lastra e Sergio Portela. As pezas foron restauradas en 2012 pola Fundación Illa de San Simón. Desde a súa disolución ese mesmo ano e a asunción da xestión pola Consellería, o conxunto vén evidenciando unha deterioración crónica por falta de mantemento cunha das pezas completamente derruída e outro dos buzos completamente cuberto de moluscos o que faría perigar tamén a súa integridade.
Lembran que este conxunto escultórico é de gran valor artístico e turístico para Redondela e que permanecer sen intervención constitúe “unha mostra de indiferenza cara ao patrimonio cultural e o legado colectivo”.










