Peter Punk, As Tareixas, Uxía Lambona e a Banda Molona ou a Banda dos insectos son algunhas das propostas que nos deixa a Punkativada, o festival para xente miúda que organiza o Concello de Soutomaior e que se vai desenvolver os días 23 e 24 de agosto na Carballeira do Peirao. Unha cita pensada para os máis pequenos e pequenas que poderán gozar de concertos infantís, espectáculos, contacontos, obradoiros e moito máis.
O evento comezará o sábado 23 de agosto, onde haberá obradoiros creativos punkies, e pola mañá, tamén chegará o concerto da Banda dos insectos. Xa pola tarde a xornada comezará co directo do grupo As Tareixas, o teatro Moby Dick Pedras e Cartón e un dos pratos fortes da xornada chegará co espectáculo Con Lingua Propia de Peter Punk ás 19:30h.
Xa na xornada do domingo haberá moitos obradoiros para participar coa lingua punki, superpoderes das aves ou oficios do futuro… Na mañá do domingo terá lugar o espectáculo A utópica rondante “de Vilatriste a Vilalegre” de Teatro ao Cubo. Pola tarde, ademais de obradoiros con temática punk, chegará o concerto estrela da xornada co directo de Uxía Lambona e a Banda Molona.
Actividades todas elas de balde pensadas para o público familiar e que supoñen a consolidación dun evento que naceu tres anos atrás. “Queremos, un ano máis, que todos os nenos e nenas da comarca, e en xeral toda a veciñanza, saquen ese espírito punki que todos levamos dentro e poidan demostrar que para pasalo ben no verán non hai sitio mellor que Soutomaior” salientou o alcalde Manu Lourenzo na presentación do evento.









