A Xunta de Galicia anunciou en 2019 a construción da gardería pública na parroquia, pero desde entón “non existe ningún compromiso firme por parte da consellería de Política Social para poñer en marcha o proxecto”. Así o afirma a alcaldesa Digna Rivas quen reclama que se dean pasos firmes de cara a acadar esta infraestrutura tan demandada pola veciñanza.
A rexedora mantivo a comezos de 2021 unha reunión telemática co xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar na que lle trasladou a decisión firme de facilitar a construción desta unidade educativa na finca da Ginaria, en Chapela. O Concello comprometeuse mesmo a redactar o proxecto “sempre e cando exista un convenio asinado no que a Xunta se comprometa a achegar o orzamento necesario para construír o centro infantil”. Ata a data de hoxe a Xunta de Galicia non reservou orzamento algún para a construción da Escola Infantil de Chapela.
A alcaldesa solicitou desde o comezo do actual mandato en reiteradas ocasións unha entrevista coa conselleira responsable da área, Fabiola García, pero polo de agora non obtivo resposta.
Rivas insiste en que a escola infantil de Chapela “é unha necesidade urxente para as familias da parroquia” e lembra que os deberes por parte do Concello “están feitos”. Así o avalan os informes técnicos do Concello de Redondela, logo de que en marzo do 2021 se aprobase cambiar o uso dos terreos a fin de permitir a instalación da Escola Infantil.a A alcaldesa insiste unha vez máis que o solar “está a disposición da Xunta de Galicia desde hai máis de catro anos, pero en todo este tempo a consellería de Política Social non reservou cartos para construír a Escola Infantil”.









