A asociación cultural aplaude a proposta de adquirir a histórica casona indiana Villa Elisa para destinala a biblioteca municipal. Con todo, lembran o compromiso do goberno local de construir un museo nas antigas casas dos mestres e subliñan que “xa pasaron máis de dous anos desde a demolición das vivendas na avenida de Mendiño, sen que se dera continuidade ao proxecto para crear un espazo museístico nese lugar, que xa tiña dotación económica asignada”.
A pasada semana o concello anunciaba a través das súas redes sociais a intención de negocias cos grupos da oposición a adquisición de Villa Elisa, casa de estilo indiano construída en 1909 por Avelino Giráldez Pazó, emigrante redondelán en Arxentina. O inmoble de tres andares, que conta con 235 m2 por planta, está situada na céntrica rúa Ernestina Otero e conta ademais cun amplo espazo axardinado. Para o goberno local a compra deste inmoble para destinalo a biblioteca municipal e salas de estudo sería beneficioso “para a cultura, a educación, a cohesión social e o patrimonio de Redondela”.
Mesma opinión é a que comparten na Asociación Alén nós quen considera que “este proxecto pode mellorar notablemente as infraestruturas culturais e de estudo da vila, xa que supón un terreo duns 3.500 metros cadrados e uns 600 metros de superficie construída”.
Non obstante, o colectivo lembra que hai outras prioridades pendentes que o Concello leva anos adiando e que “debería acometer con urxencia”.
Refírense ao Museo que está previsto construír na avenida Mendiño no lugar que antigamente ocupaban as casas dos mestres derruídas hai dous anos. Un museo pensado para acoller a obra doada polo pintor Ángel Barros e outros artistas de Redondela así como o Museo de Historia e Etnografía de Redondela “unha reivindicación histórica dos colectivos locais desde hai case tres décadas”.
Polo tanto, solicitan ao goberno municipal que, xunto coa compra e posta en valor de Villa Elisa, asuma un compromiso claro e con prazos definidos para a creación das dotacións culturais xa comprometidas, fundamentais para conservar e divulgar o patrimonio artístico e histórico de Redondela.









