O Bloque propuxera ao concello que se colaborara no financiamento da obra de reconstrución do campanario, que hai tres anos fora derruído por un raio, a cambio de que bens da igrexa pasaran a declararse de propiedade pública. Destacaban a casa reitoral de Reboreda como “unha infraestrutura que podería ter pasado a mans do concello” e cualifican de “erro monumental” que non se aproveitara esa oportunidade.
O voceiro nacionalista, Xoán Carlos González lamenta que a alcaldesa Digna Rivas se desentendera desta proposta que no seu día se lle puxo enriba da mesa. Un convenio para que a cambio de asumir a rehabilitación do campanario de Reboreda, posibilitaría que o concello se fixera con bens da igrexa”. Considera que se trata dunha torpeza e un erro monumental posto que finalmente a Xunta sufragou a obra con 300.000€ sen que houbera compensacións a cambio.
Igualmente repróchalle á alcaldesa que non moveran nin un dedo na promoción da obra de rehabilitación do campanario desenvolvida ao longo de tres anos e que consistiu na montaxe en terra para máis tarde reubicalo ao seu emprazamento orixinal. “Un traballo de cantería excepcional, dificilmente repetible na nosa contorna”, destacou.
Para o voceiro do BNG o concello podería ter desenvolvido unha ampla programación divulgativa tanto entre os centros escolares do concello e bisbarra como entre a veciñanza e visitantes. Elaboración de documentais, unidades didácticas, mesmo becas de investigación ou visitas guiadas que permitirían coñecer de cerca as características arquitectónicas dun campanario do século XVII.
Segundo Xoán Carlos González “demóstrase a escasa capacidade e iniciativa deste goberno municipal quen ante unha oportunidade única perdeu a posibilidade de converter un suceso nun evento único e singular de Redondela”.









