O PP fala de “abandono” que afectaría a diferentes puntos do casco urbano, como a Alameda Castelao que sofre “un crecente estado de degradación, con árbores secas e perda da vexetación ornamental”. Acusan ao goberno local de deixadez por non acometer as labores de limpeza e mantemento que garantan o bo estado de rúas e prazas, así como dos parques infantís. Esixen ao goberno a posta en marcha dun plan integral de poda, limpeza e tratamentos fitosanitarios para evitar a proliferación de pragas de insectos.
Os populares falan dunha situación “insostible” con acumulación de follas en beirarrúas, sumidoiros, parques infantís e canalizacións que “ofrecen unha imaxe de sucidade xeralizada, e que afectan á salubridade dos espazos empregados polos redondeláns e supoñen un risco engadido de atascos nos sistemas de recollida de augas pluviais”.
A esta falta de mantemento súmase, segundo o PP, a proliferación de pragas, como pulgóns e doutros insectos, que están infectando gravemente as árbores, debilitándoas e xerando molestias constantes á veciñanza, como picaduras ou reaccións alérxicas. As árbores, sen poda nin tratamentos axeitados dende hai anos, convertéronse nun foco de sucidade, pragas e deterioro ambiental, advirten desde o PP que “afectan á saúde dos veciños e á durabilidade e estabilidade das propias árbores”
Neste senso, detallan que as zonas máis afectadas son espazos especialmente sensibles, como o parque infantil da Alameda, o parque da Xunqueira ou a terraza da churrería, que son lugares de alta afluencia familiar e turística.
Ademais, engaden que o deterioro da Alameda de Castelao é un dos exemplos máis claros deste abandono. Hai uns meses, dúas árbores tiveron que ser taladas pola súa perigosidade e actualmente outras dúas atópanse totalmente secas, polo que tamén deberán ser retiradas ante o evidente risco de caída. A isto hai que sumar o que cualifican de “maltrato” ás camelias, que foron podados de forma drástica, deixando practicamente só o tronco.
Engaden que a Alameda perdeu case a totalidade dos mirtos, uns arbustos ornamentais que antigamente achegaban vistosidade, frescura e cor ao espazo. Hoxe, a súa presenza é case inexistente, sendo esta especie outra vítima máis do abandono sistemático por parte do Concello.
Para o PP “a Alameda de Castelao pasou de ser un lugar emblemático a converterse nun símbolo do abandono institucional” e esixen ao goberno bipartito que actúe con urxencia, garantindo un plan integral de poda, limpeza, tratamentos fitosanitarios e recuperación vexetal nas zonas máis afectadas, comezando pola Alameda, os parques infantís e as áreas de maior tránsito.










