Os remeiros de Chapela continúan celebrando vitorias. Esta fin de semana foi na VII bandeira Cidade de Narón, onde os beretes volveron superar con solvencia aos seus rivais acadando a súa sétima bandeira de oito posibles. Na clasificación xeral suman xa 87 puntos seguidos de Tirán Pereira con 78 e Samertolameu Oversea con 75.
Os atletas de Chapela-Wofco conquistaron a VII Bandeira Cidade de Narón de traiñeiras celebrada na tarde do sábado cunha vantaxe ampla sobre os seus inmediatos adversarios.
A embarcación de Chapela xunto cos segundos clasificados, os remeiros de Tirán Pereira, foron as únvas en baixar dos 21 minutos nunha xornada marcada polo vento, con refachos de ata 18 km/h que marcaron a proba.
Durante toda a regata os de Chapela marcaron o ritmo sen dar opción aos de Tirán que se clasificaron no segundo posto nin aos remeiros do Samertolaméu-Oversea, que entrarían na meta en terceiro lugar.
A vitoria foi clara para o Chapela-Wofco con 16 segundos por diante de Tirán-Pereira e 26 sobre Samertolaméu-Oversea. Con esta vitoria os chapeleiros afiánzanse no liderado cunha vantaxe practicamente insalvable para os seus rivais.









