O alcalde Luciano Otero asegura que PSOE, PP e BNG bloquean o futuro de Pazos de Borbén cun “non” sistemático a todo. Poñen como exemplo a súa negativa a aprobar os orzamentos, as contas e pagamentos de facturas así como a declaracións dos festivos locais para o vindeiro ano “ignorando as chamadas á responsabilidade e prexudicando directamente a veciñanza”.
O último pleno municipal deixou patente, ao entender do goberno local “a estratexia da oposición formada por PSOE, PP e BNG: dicir “non” a todo, independentemente de que as propostas sexan positivas para o municipio”.
Para Otero o exemplo máis grave foi a non aprobación dos Orzamentos 2025 malia as continuas chamadas, peticións de reunión e solicitude de achegas feitas dende o goberno. “O único grupo que presentou propostas foi o BNG, e malia incluírse algunhas delas no documento final, tamén votou en contra. PSOE e PP, pola súa banda, non se dignaron a participar no proceso nin a presentar achegas, chegando ao pleno sen propostas e votando igualmente en contra”.
O goberno engade que os tres grupos da oposición votaron tamén en contra do pagamento de facturas de subministracións esenciais para o funcionamento do concello “facturas por valor de 48.000 euros que non foron aprobadas e que deixan aos provedores sen cobrar os seus servizos a pesar de que temos fondos dispoñibles na caixa para facelo”.
Tamén ven incomprensible no goberno local que non se aprobara a proposta para os festivos locais para o vindeiro ano, malia que dos dous festivos propostos polo PP un coincidía coa proposta do goberno. Aínda así, votaron en contra sen sequera contemplar a abstención.
Para Luciano Otero esta actitude deixa claro que a prioridade da oposición non é o interese xeral
nin o progreso de Pazos de Borbén, senón “un bloqueo político sistemático que prexudica directamente á veciñanza”.









