CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB18
O xove atleta do Club de Atletismo de Redondela, Gael Couñago Romasanta, deixou a súa pegada no Campionato de España Sub18 celebrado en Castelló, onde logrou un destacado sexto posto na proba de salto de altura cunha marca de 1,92 metros.
A pesar de non cumprir do todo as súas expectativas, Gael mostrouse reflexivo sobre a súa actuación: “Cheguei bastante animado, con ganas de saltar ben, pero o resultado foi outro. Non acabei tan contento como me gustaría, pero deime conta de que inflúen cousas como o vento ou a calor. Aprendín que hai que seguir adestrando e traballando”. O mozo, que compite desde os 10 anos, destacou a importancia da constancia: “Empecei no atletismo porque a miña nai apuntoume ao club de Redondela parahacer deporte. O meu adestrador ensinoume o salto de altura dunha forma divertida, e aos poucos empezoume a gustar. É unha maneira de desconectar e estar con amigos”. O Club de Atletismo de Redondela celebrou con orgullo o logro de Gael e o traballo do seu adestrador, Javier Besada.
A tempada de Gael foi sobresaliente. No Campionato Galego Absoluto ao aire libre, celebrado en xuño en Santiago de Compostela, revalidou o título de subcampión galego na súa categoría cun salto de 1,93 metros. Ademais, en pista cuberta, alcanzou os 2 metros, a súa mellor marca persoal ata o momento, o que o situou como campión galego Sub18 tanto en aire libre como en pista cuberta durante os dous anos anteriores. “En Valencia, en pista cuberta, igualei o meu mellor marca de 2 metros e quedei terceiro. Foi especial porque os meus compañeiros, familia e outros clubs galegos animábanme desde a bancada. Paseimo moi ben”, lembra.

Actualmente, Gael ocupa o segundo posto na clasificación nacional Sub18 con 2 metros, só por detrás do internacional Nicolás Clemente. O seu próximo obxectivo é claro: “Quero mellorar a miña marca antes de cambiar de categoría e alcanzar o récord galego Sub18, que está en 2,04 metros”. Para logralo, adestra entre catro e cinco días á semana na pista de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, combinando exercicios de forza e reacción rápida baixo a guía do seu adestrador. “En competición, o meu adestrador é serio, dáme instrucións, pero despois, salga ben ou mal, anímame e dime que non pasa nada, que hai que seguir”, explica.
Coa vista posta no futuro, Gael, que estuda un ciclo medio de deportes, soña con competir no Campionato Europeo Sub20 no seu segundo ano na categoría. “Espero facer a mínima para ir con España. Terei que traballar máis duro, coidarme máis e centrarme mentalmente para non frustrarme”, asegura. Para el, o atletismo é máis que un deporte: “É bonito, non hai tanta presión como noutros deportes. A xente céntrase en gozar. Cando pido palmas, todos me animan, aínda que sexan doutro equipo”.

A pesar dos retos, como a falta dunha pista de atletismo máis próxima, Gael mantén a súa paixón e determinación. “Seguirei facendo atletismo ata que o corpo permítamo. Pode pasar de todo, pero vou a por iso”, sentenza. Co seu talento e esforzo, o futuro promete máis éxitos para este mozo redondelano.

O Club de Atletismo de Redondela ten aberto o prazo de inscricións para todas aquelas persoas interesadas en unirse aos seus adestramentos. Se queres formar parte dun equipo que fomenta o esforzo, a amizade e o espírito deportivo, podes contactar co club para máis información.









