As festas patronais de Fornelos de Montes, en honra a San Lourenzo e Santo Cristo, darán comezo este sábado 2 de agosto e prolongaranse os días 9, 10 e 11, enchendo o municipio de música, tradición e alegría. Cayetano Tamaño, organizador e membro da Comisión de Festas, destaca o ambiente festivo e a gran afluencia de público que se espera, como vén sendo habitual nestas celebracións tan arraigadas.
A xornada inaugural, este sábado 2, estivo marcada pola degustación de polbo e churrasco nas carballeiras da praia fluvial, amenizada polo grupo Foula. Ás 21.30 horas, tivo lugar o XXIV Festival Folk, un dos pratos fortes das festas, coa participación da Banda de Gaitas do Concello de Fornelos de Montes, A Roda e Ardentía. “Tivemos moitísima sorte co tempo, dúas noites extraordinarias e veu moitísima xente. O cartel con A Roda e Ardentía chamaba moito a atención, e na carballeira da fluvial foi un éxito”, asegura Cayetano, quen subliña que este evento marca o “pistoletazo de saída” das festas patronais, que este ano se complementaron cunha semana cultural previa con actividades para os máis pequenos.
O Festival Folk, que cumpre 24 edicións, é un dos eventos máis queridos. “Xurdiu hai 24 anos desde a Concellería de Cultura para darlle un pouco de realce á nosa banda de gaitas, moi recoñecida en Galicia polos seus premios. É un espazo para gozar da música folk nun entorno moi bonito, na praia fluvial, e tamén facemos intercambios con outras bandas, fomentando o hermanamento”, explica Cayetano
O sábado 9, as festas patronais arrancarán oficialmente cunha misa solemne en honra a San Lourenzo Vello ás 20.30 horas, seguida dunha verbena ás 23.00 horas a cargo das orquestras Furia Nova e Costa Branca. “Furia Nova, de Canarias, ten un estilo parecido ao da orquestra dominicana, mentres que Costa Branca é máis clásica. Buscamos un contraste para que haxa algo para todos os gustos e idades”, comenta o organizador.
O domingo 10, o día grande en honra a San Lourenzo, comezará cun pasarrúas ás 10.00 horas a cargo da Banda de Música Artística de Arcade, seguido dunha misa solemne ás 12.30 horas, cantada pola Coral Voces Fornelenses, e unha sesión vermú. Ás 21.00 horas, a Banda de Música de Salcedo ofrecerá un concerto, e a noite rematará cunha verbena coas orquestras Capitol e Horizon The Show. “O día 10 é o máis importante do ano en Fornelos. Volven moitos emigrantes, a xente pide vacacións para estar con amigos e familia. Todos están convidados”, asegura Cayetano.

O luns 11, última xornada, comezará cun pasarrúas da Banda de Música Xuvenil de Barro ás 10.00 horas, seguido dunha misa solemne en honra ao Santo Cristo ás 12.30 horas e unha sesión vermú. A noite pecharase cunha verbena a cargo das orquestras Assia e Magos.
Para os máis pequenos, o venres 8 haberá un concerto especial con Brais das Hortas, “un animador infantil espectacular que vai encantar aos cativos”, segundo Cayetano. Ademais, durante todas as festas haberá atraccións, postos de feira e unha ampla oferta gastronómica con churreiras, hamburgueserías, bocaterías e as terrazas dos locais da Praza de Fornelos.
A semana cultural previa, que comezou o 1 de agosto, incluíu actividades como Cinema na Rúa, a festa da escuma, maxia e unha Holy Party, que atraen a xente de Redondela e da contorna. “Algunhas actividades son fixas porque a veciñanza pídeo, pero sempre intentamos innovar”, destaca Cayetano, quen invita a todos a gozar dunhas festas que combinan tradición, música e convivencia.











