María Barbosa, de 100 anos, e Sabela González, con apenas dúas semanas de vida, convertéronse nas protagonistas do arranque da II Semana Grande de Soutomaior ao recibir as “Chaves da Festa” nun emotivo acto celebrado na Casa do Concello. Este evento, que marca o inicio das festas que se prolongarán ata o 7 de agosto, encheu de orgullo e simbolismo a xornada inaugural.
Ás 21:00 h., co chupinazo desde o balcón municipal, a veciñanza, ataviada con sombreiros de palla e pañoletas, deu a benvida ás celebracións. Durante a cerimonia, Consuelo Corral Grandes, de 102 anos, entregou a chave de prata, deseñada pola Joyería do Concello Ramón Joyero, a María Barbosa, seguindo a tradición de pasar o testemuño á seguinte persoa de maior idade. Pola súa banda, Vera Ferreira, de un ano, cedeu a chave á pequena Sabela González, a persoa máis nova do concello. Ambas as dúas custodiarán estas chaves durante un ano, ata a próxima edición das festas.
A festa continuou co pasarrúas da Mekánica Rolling Band, que animou o camiño desde o concello ata a contorna da Igrexa do Divino Salvador, onde concluíu o seu espectáculo. Ás 23:00 h., a actuación de “Demasiadas sombras y pocas luces” puxo o broche á noite con música e diversión.
A II Semana Grande de Soutomaior desenvólvese en dous torreiros principais: o da Festa do Dez en Candán e o da Igrexa do Divino Salvador. Ambos os espazos contan co programa “Soutomaior Inclusivo”, que ofrece cascos anti-ruído, dispoñibles a través de Protección Civil e emerxencias. Ademais, para facilitar o acceso ao Torreiro da Festa do Dez, haberá un servizo gratuíto de autobús lanzadeira desde o Pavillón da Montesiña ‘Alfonso Pazos’ en horario de 21:30 h a 23:30 h e de 00:00 h a 03:00 h, con percorridos continuos de ida e volta.

O sábado 2, o prato forte foi a actuación da orquestra América de Vigo no torreiro da Festa de Candán. O domingo foi o día grande cunha intensa xornada que incluíu un mercado dende as 11:00 da mañá ata as seis da tarde, un showcooking ás 12:30 e un xantar popular coa veciñanza. Durante todo o día houbo diferentes actuacións musicais que culminaron ás 23:00 horas co espectáculo da Orquestra Panorama.
O alcalde, Manu Lourenzo, destacou a importancia das festas non só polo seu valor festivo, senón tamén polo seu impacto económico: “Soutomaior volve brillar cunhas celebracións de primeiro nivel, grazas ao traballo dos servizos técnicos e do equipo de Goberno”. Lourenzo tamén agradeceu a implicación da Parroquia do Divino Salvador, especialmente ao seu párroco, Gabriel, polos actos relixiosos programados. Entre eles, destacan as misas do Día da Peneda (5 de agosto) na Ermida da Virxe da Peneda ás 10:00 h, 11:00 h, 12:00 h e 20:30 h; o Día do Patrón (6 de agosto) con misas ás 12:00 h e 20:00 h, seguida dunha procesión; e o día de San Caetano (7 de agosto), con misa ás 9:00 h na Igrexa do Divino Salvador, procesión ao Castelo de Soutomaior e misas na Ermida de San Caetano ás 10:30 h e 12:00 h.

María e Sabela, coas súas chaves, representan o espírito de continuidade e unión que define estas festas, un legado que Soutomaior celebra con orgullo e alegría.











