Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Quinta coróase por cuarto ano consecutivo no Mundialito da Xunqueira

62f0e6c9-3bd4-472e-937f-a073bf53e237

Entrevista completa a Yolanda Alonso.

A pista da Xunqueira acolleu o venres 18 de xullo a gran final da 46ª edición do Mundialito da Xunqueira, un torneo de fútbol sala organizado polo Club Redondela FS en colaboración co Concello de Redondela, que se consolidou como unha cita ineludible do verán. Do 30 de xuño ao 18 de xullo, as categorías Sénior e Cadete Mixto encheron de emoción e convivencia as tardes na vila, reunindo a centos de afeccionados. A Quinta alzouse co título na categoría Sénior por cuarto ano consecutivo, mentres que Sanma FS levou a vitoria na categoría Cadete Mixto.

A competición contou cunha participación récord, con 18 equipos na categoría Sénior e 14 na Cadete Mixto, superando as expectativas iniciais. “Este ano tivemos que poñer un límite de equipos porque cada ano o número de solicitudes é maior. O torneo está collendo moita fama e boa reputación, e non nos dan as datas. Fixemos un esforzo para que ninguén quedase fóra, modificando o sistema de xogo”, explicou Yolanda Alonso, ‘Yoli’, presidenta do Redondela FS. Esta loxística, que permitiu horarios “decentes” a pesar da calor, supuxo un desafío. “Non é fácil coordinar para que todos teñan o seu tempo e non se faga moi tarde. Algúns días rematamos ás 23:30, pero valeu a pena polo ambiente de celebración e convivencia”, engadiu.

Os premios incluíron 300 € e trofeo para o campión, A Quinta, 150 € e trofeo para o subcampión, Rodavigo, e un trofeo para o terceiro, CasaBotas. Talleres Redomuro quedou en cuarto posto, mentres que Balona FS recibiu o premio á deportividade. Iker Arango (A Quinta) foi elixido mellor xogador, e Antón Pérez (Talleres Redomuro), mellor porteiro. Na categoría Cadete Mixto Sanma FS proclamouse campión, seguido de CasaPaco Recambios Ochoa (subcampión), PR205 Futsal (terceiro) e Cachorritos (cuarto). Nico Fontaíña (Sanma FS) foi nomeado mellor xogador, e Breixo Castiñeiras (Sanma FS), mellor porteiro.

A pesares dunha previsión de choiva para o sábado 19, a final adiantouse ao venres, unha decisión que Yoli considerou “acertada”. “A nivel meteorolóxico deunos un susto, pero seguimos a previsión toda a semana e todo saiu ben. Os típicos piques de xogo estiveron dentro do normal, pero foi unha competición moi tranquila”, destacou. A presidenta tamén subliñou o nivel competitivo: “Hai equipos con xogadores de moi alto nivel, sobre todo de Redondela, pero tamén viñeron equipos de Vigo, Mos, Pontevedra e Pazos. A maioría son da zona e repiten cada ano, o que demostra a confianza no torneo”.

A cerimonia de entrega de premios foi un momento especial, cun emotivo homenaxe a dous árbitros históricos, Conde e José Carlos González ‘Balín’, que se xubilaron tras anos de dedicación. “Fixémoslles un pequeno recoñecemento pola súa traxectoria. Foi unha celebración moi bonita, a pesar de que o cambio de horario complicou un pouco a loxística”, relatou Yoli. A presidenta agradeceu o apoio do Concello de Redondela, “sempre á nosa disposición”, e dos colaboradores locais, ademais da implicación de todo o club, desde os directivos ata os xuvenís que axudan en tarefas como montar mesas ou recoller resultados. “É un proxecto de todos. Agradecemos aos xogadores pola súa confianza e á xente que enche as gradas, dando ese ambiente único”, sinalou.

Un Mundialito de base con récord de inscricións

O éxito do Mundialito de maiores deu paso á edición de categorías base, que arrancou o 23 de xullo e se prolongará ata o 16 de agosto, coas categorías Infantil, Alevín, Benxamín, Prebenxamín, Biberón e Chupete. En tan só dous días, cubríronse case todas as prazas cun total de 52 equipos inscritos e máis de 700 “mini-deportistas”. “Sacamos o cartel de inscrición ás 17:00 e ás 17:20 xa había categorías case completas. Foi unha loucura, pero fixemos un esforzo para que ningún neno quedase sen xogar”, explicou Yoli.  A organización repartiu xogadores para garantir a participación de todos, nun torneo que promove estilos de vida saudables entre a mocidade.

A procedencia dos equipos é maioritariamente local, pero tamén hai participación de concellos próximos. “Todos levarán a súa medalla a casa, pero o importante é que os nenos xoguen e se divirtan. A Xunqueira énchese de xente, con cativos facendo deporte e familias animando, e iso é o máis bonito”, concluíu a presidenta.

O Mundialito da Xunqueira reafírmase así como un evento que une deporte, amizade e comunidade, consolidando a súa relevancia na provincia.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará