Convocadas polo colectivo republicano de Redondela, unhas duascentas persoas concentráronse na praia de Cesantes ás 12:00 horas deste domingo para amosar o seu rexeitamento á celebración na Illa do festival Sinsal, festival que arrancou o pasado venres e que chega hoxe ao seu remate logo de tres días de música con máis de 30 formacións de ámbito internacional.
Unha cita de carácter musical que reúne en San Simón centos de persoas e que conta co financiamento e o beneplácito da Xunta de Galicia. Con todo, esta actividade está a provocar malestar principalmente entre o movemento memorialista galego do que forman parte agrupacións como Alén Nós ou o Colectivo Republicano de Redondela, convocante da protesta baixo o lema “San Simón non é un parque temático. É un campo de memoria”.
Ao longo da mobilización, que tivo lugar na zona das mesas da praia da Punta en Cesantes, houbo tamén rolda de intervencións con presenza das formacións políticas de esquerda con representación en Redondela –PSOE, BNG e AER- así como outros colectivos tamén presentes (Ong Damán, Alén Nós, Sinha Paca e máis o Colectivo ProPalestina de Redondela).
Un acto que rematou con música e co que o Colectivo Republicano volve reivindicar que “malia non estaren en contra de que se lle dea uso a Illa, as actividades que alí se organizan deben ser coherentes co valor histórico e humano dun espazo destas características”. Neste sentido explican que do mesmo xeito que non sería aceptable que se celebrasen “festas en Auschwitz, concertos en Dachau ou desfiles de moda en Buchenwald” tampouco se poden permitir este tipo de propostas no que foi un campo de concentración en tempos do franquismo. Reclaman á Xunta que non se permita na Illa a celebración de “eventos privados, festas e celebracións alleas á dor que alí se viviu”.
Unha concentración que se produce mes e medio despois doutra protesta, naquela ocasión no peirao de Cesantes, contra a celebración na Illa dun Congreso de Bachata.











