Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela prepárase para a súa noite máis especial co Festival de Artistas de Rúa e a Shopping Night

artistas rúa+shopping night

A XXVI edición do Festival de Artistas de Rúa trae a Redondela o mellor circo, moito humor e a música de Pancho Varona. Son en total seis compañías teatrais e circenses que ofrecerán os seus espectáculos en diferentes escenarios da vila o vindeiro venres 1 de agosto desde as 18.00 horas ata a medianoite. Pancho Varona porá o broche de ouro cun concerto na praza da Torre ás 23.15 horas. A xornada complétase coa celebración da “Shopping Night” da Asociación de Empresarios de Redondela na que participan medio cento de establecementos con descontos, promocións, agasallos e animación musical nunha edición denominada “O Gran Circo Vintage”.

Agosto arrancará con forza en Redondela coa celebración o venres día 1 dunha nova edición do festival Artista de Rúa. A xornada arrancará ás 18.00 horas coas actividades de “Circus feira”, na alameda Castelao. O público atopará casetas de feira con xogos, espectáculos de circo, carreiras, ilusións ópticas e probas de habilidade e enxeño, e moito máis a cargo de Bambolea Producións.

O espectáculo “Ciganí 100%” da compañía Antón Coucheiro comezará ás 19:00 horas na praza de Ponteareas.

O humor e os malabares chegarán da man de Compañía Pistacatro e o seu espectáculo “Sen Patrón”. Será a partir das 19:45 horas na praza José Figueria cando os tres malabaristas competirán entre eles e os obxectos voarán por riba das súas cabezas nun aparente caos divertido e fascinante.

Ás 20.30 comezará na praza da Torre “Tavole”, de Zirko Txosko, que transportará ao público a un mundo de humor e reflexión. Inspirados nos problemas da sociedade actual, e a través da linguaxe universal do circo, os dous personaxes chegarán á conclusión de que a única solución os problemas é “a convivencia, a comunicación e o respecto”.

A traxicomedia “Henriko”, de Circo Cambuche, chegará ás 21.15 horas á praza da Constitución. Este espectáculo conta a historia de Kike Castro, o derradeiro supervivente dun antigo circo que lembra a historia da súa familia de funambulistas.

Na pista da Xunqueira poderemos gozar da “Gran Gala do Circo” a partir das 22.15 horas coa compañía Pistacatro. Trárase dun espectáculo multidisciplinar e variado conducido por un mestre de cerimonias que fará participar ao público e ofrecerá moito humor e sorpresas.

Para pechar o festival contaremos co concerto do gran Pancho Varona que actuará ás 23.15 na praza da Torre, músico e compositor referente da música de autor en España. Durante máis de 40 anos foi colaborador de Joaquín Sabina, co que compuxo temas emblemáticos que tamén se poderán escoitar neste concerto.

Tanto a alcaldesa Digna Rivas como a responsable de Cultura Rita Pérez sinalan que se trata dunha programación “moi variada e de gran calidade para gozar dunha tarde-noite coa familia e amigos polas rúas e prazas de Redondela e que seguro vai ser un éxito de público”.

“Shopping Night” do comercio local

O comercio local celebra ese mesmo venres a súa tradicional “Shopping Night” coincidindo co XXVI Festival de Artistas de Rúa nunha edición denominada “O Gran Circo Vintage”. Os establecementos estarán abertos ata a media noite con descontos, agasallos e promocións. Son medio cento de negocios os que participan nesta edición con moda, calzado, decoración, complementos, deportes, xoiería, artesanía e moito máis. Desde o goberno local destacan que unir o Festival de Artistas de Rúa con esta xornada especial de compras é un xeito de “dinamizar e promover o comercio local”. Tanto veciñanza como visitantes poderán gozar dunha tarde e noite de ocio e compras con numerosa actuacións e espectáculos polas rúas e prazas de Redondela.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará