Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Plataforma en defensa da sanidade alerta: “Non podemos normalizar listas de agarda de 16 días”

plataforma saúde

O colectivo de Redondela inicia esta semana un calendario de mobilizacións para reclamar a mellora da atención nos centros de saúde de Redondela e comarca. O obxectivo é demandar ao Sergas que se substitúa o persoal que se atopa de baixa ou de vacacións e que se remate coas listas de agarda que no caso de Redondela supoñen demoras de ata 16 días no caso dunha cita para o médico de familia ou de mes e medio para unha análise de sangue. A primeira das actividades reivindicativas consistirá nun obradoiro de pancartas e reclamacións o mércores 23 na Alameda de Redondela que se repetirá o xoves 31 en Chapela, en ambos os dous casos ás 19:00 horas.

Os datos son preocupantes. En Redondela faltan catro médicos, un pediatra e 5 enfermeiros. En Chapela a metade dos traballadores non están operativos: faltarían 3 médicos, un pediatra e 4 enfermeiros dos 7 que hai normalmente. Unha situación que é froito dunhas vacacións e unhas baixas dos traballadores e traballadoras que non son substituídas. Nos centros de saúde de Pazos e Fornelos non habería ningún médico.

A consecuencia destas non substitucións tradúcense en demoras na atención cunha media de agarda en Redondela de 16 días e dez días no caso de Chapela e demoras no caso das extraccións de sangue que poden chegar ao mes e medio.

“É inaceptable normalizar demoras de máis de 15 días na atención primaria”, son palabras de Alberto Covelo, da Plataforma en Defensa da Sanidade de Redondela. Engade que estas demoras poden ter consecuencias negativas na saúde dos pacientes polo que é preciso mobilizarse apra esixir que a situación se corrixa.

De cara a sumar apoios nesta campaña de mobilizacións, que arrancará este mesmo mércores 23, a Plataforma convocou unha asemblea á que acudiron tamén representantes políticos do PSOE e BNG e veciños e usuarios de todos os centros da contorna, acordando a necesidade de poñer en marcha protestas, tanto a nivel individual como colectivo para reivindicar que se subsane esta situación que afecta tamén de cheo ás localidades de Pazos e Fornelo que carecen de pediatra dende hai tempo e que nesta tempada estival nin tan sequera contan cun médico no seu centro o que os obriga a desprazárense a Redondela, agravando a situación existente no centro de saúde do centro da vila.

Finalmente acusan á Xunta de “pretender colapsar o sistema público de saúde para que os pacientes se vexan obrigados a acudir ás consultas privadas”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará