Fornelos de Montes acolle este domingo día 20 unha nova edición da súa festa gastronómica dedicada á carne do Suído. Uns pratos elaborados de xeito artesanal con carne de animais criados en liberdade que se poderán degustar nunha cómoda carpa e a prezos populares que van do 5 aos 8 euros.
Unha celebración gastronómica que reúne a centos de veciños e visitantes e que celebra este domingo a súa XXI edición avalada polo éxito de citas anteriores. “Un produto saboroso, tenro e xugoso elaborado á brasa” que destaca pola súa calidade, tal e como nos explicaba dende a organización Cayetano Tamañó.
Repartiranse máis de mil racións dos diferentes productos que se despacharán nesa xornada dende as doce do mediodía. En total serviranse 250 kilos de chourizo e a carne de dous becerros e medio que se despachará tanto para consumir na propia carpa como para levar para casa.
Dende a organización continúan apostando por manter os prezos conxelados. Así, a chanfaina con patacas fritidas ten un prezo de 5 euros, o prato estrela que é a chanfaina fornelense que leva chourizo, patacas, dous ovos e pan de millo sérvese a seis euros e 8 euros é o que terán que pagar os que queiran un prato de carne de tenreira que se serve picada ao estilo zorza.
Durante todo o día haberá música coa agrupación musical Foula a partir das doce do mediodía, mentres que pola tarde as actividades correrán a cargo de Luces de Bohemia e ás 18:00 horas está previsto un concerto a cargo da Banda de Música Municipal de A Lama.










