O grupo de Redondela, do que forman parte José Manuel (compositor e guitarra), o seu fillo Román (clarinete e voz) e a máis pequena da casa, Omara (trompeta e voz) sóbense este venres ás 18:00 horas ao escenario da praza da Casa da Torre para interpretar os temas do seu disco “Santo Mandil”. Un concerto enmarcado dentro da programación do verán do Concello de Redondela que anuncian será moi especial, porque xogan na casa e porque a actuación estará chea de sorpresas e colaboradores.
“A cadeira da avoa” é o tema que abre o disco e é toda unha declaración de intencións, porque este traballo está cargado de referencias ás avoas. Tamén o seu propio título “Santo Mandil” quere ser unha homenaxe a esa figura que “nos aprenderon a comer peixe, caldo e tortillas de pan, que nos contaron e nos cantaron nunha lingua rabiosamente viva. Que nos bailaron mentres nos miraban con eses ollos onde só había amor e paz”. José Manuel, o pai compositor, falábanos desas referencias que imos atopar nas letras dun disco apegado a cotiandade.
A aventura das Tareixas arrancou en 2023 co tema “A cadeira da avoa” que relata a operación de cadeira da avoa de Omara e Román. Un tema que se fixo co segundo premio no concurso “Quero cantar” da Deputación de Pontevedra e que os levou a actuar ao Teatro Colón da Coruña.
A continuación viñeron novos temas, cancións orixinais, en galego e pensadas para o público infantil pero “con temática máis elaborada, con contido social e con arranxos coidados”.
Unha vez que tiveron contido máis que dabondo para un disco decidiron darlle forma cun CD que agora ve a luz e que están a presentar por distintas localidades galegas. Un traballo que se presenta xunto cun libriño no que se recollen as letras de cada un dos temas do disco e que é ademais “interactivo”.
Malia que xa levan rodado por diferentes escenarios, a presión de hoxe é maior porque entre público estarán familia e amigos, algún dos cales incluso subirán ao palco para acompañalos na actuación.
A súa xira continuará por varias localidades galegas pero a de hoxe será unhas das súas actuacións máis especiais.
A programación cultural de verán do Concello de Redondela continuará con máis concertos na fin de semana. O rock chegará da man de Chocolate Sexy o 19 de xullo á praza da Torre a partir das 22.00 horas e o domingo, 20 de xullo, a Orquestra de Saxos actuará na praia de Cesantes ás 20.00 horas. Todas as actuacións son de balde.









