Sen debate previo aprobouse hoxe de forma definitiva o orzamento municipal. Un documento que chegaba novamente a pleno tras ser rexeitado no pasado mes de abril cando Rivas o vinculara a unha cuestión de confianza. Ao superarse o prazo dun mes e non presentaren os grupos da oposición unha moción de censura o orzamento seguiu o seu trámite. O documento aprobado definitivamente inclúe unha modificación importante: pasou dos 22,6 millóns que o goberno anunciara inicialmente aos 21,7 millóns que se aprobaron finalmente.
O BNG foi o encargado de desvelar que este recorte de case un millón de euros “foi imposto polo Ministerio debido a que o apartado de ingresos estaba inflado e obrigou a o goberno a modificar estas contas á baixa”. Tamén advertiu o voceiro nacionalista Xoán Carlos González que a situación económica podería complicarse “no caso de que se aprobé o recurso presentado polo PP contra o incremento na taxa do lixo, o que suporía menos ingresos e obrigaría a facer novos axustes”.
A ausencia de debate e o rexeitamento das alegacións presentadas ao orzamentos, provocou tamén momentos de tensión entre o voceiro do PP e a alcaldesa, Digna Rivas. Para o popular Javier Bas na sesión plenaria celebrada no Multiúsos estábase a “vulnerar unha competencia exclusiva do pleno que establece que é este órgano quen debe aprobar e modificar os orzamentos municipais”. Rivas negaba este punto lembrando que tal e como recollen os técnicos se trata dun procedemento extraordinario no que non ten cabída o debate.
A aprobación definitiva do documento económico foi valorada positivamente pola alcaldesa quen, a través dunha nota de prensa, lembrou que se trata do “orzamento máis alto da historia de Redondela” e afirmou que unha vez superado este trámite “xa podemos empezar a executar estas contas, tras ter que esperar máis de dous meses logo da actitude irresponsable dos grupos da oposición”. Ao seu entender “todo este proceso pon de manifesto que non existe alternativa de goberno, o único que conseguiu a oposición foi facer perder o tempo aos veciños e veciñas de Redondela, ao paralizar proxectos moi importantes para este municipio”.









