Hoxe é Domingo 22 de Xuño de 2025

Estudantes franceses chegan a Redondela dentro do intercambio cultural co IES Chapela

Alumnado Intercambio Francia

Sete estudantes do Lycée de Montauban, na Bretaña, chegaron a Redondela para participar nun programa de intercambio co IES Chapela. Estes rapaces e rapazas convivirán coas familias dos alumnos e alumnas do instituto que xa viviron unha experiencia similar en Francia. A iniciativa ofrécelles unha oportunidade única para mergullarse no idioma, a cultura, as tradicións e a gastronomía das Rías Baixas, ademais de coñecer a paisaxe galega a través de actividades como unha excursión ás illas Cíes e un roteiro por un tramo do Camiño de Santiago.

Os estudantes do IES Chapela, que xa visitaron Francia, destacaron o valor desta experiencia, describindo a Bretaña como unha rexión “moi verde, con semellanzas a Galicia” e salientando “a gran aprendizaxe” que supón convivir con familias locais, o que lles permitiu mellorar o idioma e coñecer a fondo a cultura da zona. Ademais, puideron gozar de visitas como a do Mont-Saint-Michel.

Nun encontro no centro, acompañados polo director, Antonio Bas, o vicedirector, Francisco Javier Silvela, a profesora de lingua francesa, Ángeles Alemparte, e a xefa de estudos, Fátima Ferreiro, os estudantes franceses e galegos compartiron as súas expectativas e vivencias. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro Antonio Cabaleiro tamén participaron na recepción, eloxiando a valentía dos mozos e mozas por enfrontarse a este reto e animándoos a aproveitar ao máximo esta experiencia, que lles axudará a mellorar as súas competencias lingüísticas e a gañar autonomía. Rivas destacou o traballo do equipo directivo e do profesorado do IES Chapela polo seu compromiso coa formación do alumnado a través de iniciativas como este intercambio.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio stream metadata in not available.
Radio Redondela
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: