As Lagharteiras forman parte da programación
O Concello de Pazos celebra este sábado 24 de maio unha xornada sobre o arraigamento das cantareiras na localidade. O acto arrancará ás 11:00 horas cunha exposición de fotos históricas e actuais, seguida dunha sesión vermú amenizada polo grupo Acouga. Ás 17:00 horas terá lugar a inauguración dunha escultura e a proxección dun vídeo homenaxe así como unha mesa redonda moderada polo artista Marcelo Dobode. A música e un serán pecharan a xornada de festa que xurde a partir do Día das Letras Galegas e que ten como obxectivo poñer en valor e dar a coñecer esta tradición tan enraizada na localidade.
O evento desenvolverase durante todo o día baixo unha carpa instalada na Praza do Concello e servirá para homenaxear ás súas cantareiras, figuras clave da tradición oral e musical galega, cunha xornada festiva que combinará música, cultura, gastronomía e recoñecemento social.
A programación arrancará ás 11:00 h cunha exposición fotográfica que recolle a memoria das mulleres que mantiveron viva a tradición do canto popular. Ás 12:00 h celebrarase unha sesión vermú a cargo do grupo ACOUGA, e ás 13:30 h ofrecerase unha comida popular con polvo e churrasco a prezos populares.
Pola tarde, ás 17:00 h, terá lugar un dos momentos máis significativos da xornada: a inauguración dunha escultura conmemorativa realizada polo artista Marcos Escudero, que pretende simbolizar a forza e o legado das cantareiras de Pazos. Acompañará o acto a actuación do grupo As Lagharteiras. Ás 17:15 h proxectarase un vídeo documental sobre as cantareiras locais, elaborado por Thomas Harris, veciño da Ermida da empresa Metropolis Coop, que recolle testemuñas, imaxes de arquivo e emocións compartidas pola comunidade.
A programación continúa cun faladoiro a cargo do investigador e músico Marcelo Dobode (17:30 h), seguido das actuacións dos grupos SADEO e TUDETEN ás 18:00 h. A xornada rematará cun serán popular a partir das 20:30 h, convidando a toda a veciñanza a participar nun encontro cheo de música e tradición.
Con esta iniciativa, o Concello quere recoñecer publicamente o papel esencial das mulleres que conservaron e transmitiron a nosa cultura musical, ao tempo que promove a participación cidadá e a posta en valor do noso patrimonio inmaterial.
