Tras unha tempada excepcional, o equipo sénior do Redondela FS Rodavigo, que milita en Preferente, logrou un meritorio terceiro posto con 63 puntos e 17 vitorias, asegurando a súa clasificación para os play-offs de ascenso á Terceira División Nacional.
O adestrador, Rolan, fixo un balance moi positivo da tempada, destacando a competitividade do equipo a pesar da súa xuventude, sendo o conxunto máis novo da categoría, con xogadores maioritariamente menores de 27 anos. “A nosa filosofía baséase nunha boa pretempada e nun ritmo físico alto que desgasta aos rivais. Sempre estivemos nos postos de arriba, competindo co Viandariño, o campión, que foi o equipo máis completo”, explicou. O obxectivo desde o comezo da liga foi claro: formar un equipo para ascender, reforzándose con algúns xogadores de fóra e apostando pola canteira.
A tempada non estivo exenta de retos, especialmente polas lesións. Rolan lamentou as baixas de xogadores clave como Álex, que rompeu o ligamento cruzado o ano pasado, ou Borja, que sufriu unha fractura de brazo. “Nunca tivemos a plantilla completa, pero estamos traballando para recuperar aos lesionados de cara aos play-offs”, asegurou.
O primeiro obstáculo na fase de ascenso será o Valladares, un equipo veterano e resistente. “É un rival que nunca se descolga do partido, polo que será unha eliminatoria moi complicada”, advertiu Rolan. O encontro aínda está por confirmar. De superalo, o Redondela FS enfrontaríase na final ao gañador do duelo entre o Poio e o Pizarras los Tres Cuñados, xogando a final na casa se vence o Pizarras, ou fóra se o fai o Poio.
O soño do ascenso e os retos futuros
De lograren o ascenso, o club enfrontaríase a novos desafíos, especialmente no ámbito económico. “Pasariamos de xogar na zona sur de Galicia a competir en toda a rexión, con desprazamentos que incrementan os gastos”, explicou Rolan. Ademais, sería necesario reforzar posicións clave, como a de pivote, afectada polas lesións. Con todo, o club confía na súa canteira, con xogadores como Nico, da xeración de 2006 e integrante da selección galega, que subirán ao primeiro equipo para consolidar o proxecto.
Rolan, que no seu día xogou en Segunda B, está convencido do potencial do equipo: “Temos moita ambición. Redondela merece un equipo en Terceira División, e mesmo competiu en categorías superiores no pasado. Sabemos que podemos logralo”. O Redondela FS Rodavigo encara os play-offs con ilusión e determinación, disposto a facer historia.
O club, a través das súas redes sociais, expresou o seu gratitude: “Queremos agradecer de corazón a cada un dos xogadores, adestradores e corpo técnico polo esforzo, a paixón e o compromiso que demostraron en cada partido e adestramento”.