Fotos: José Durán
Un total de 15 agrupacións participaron este domingo nun desfile de comparsas animado polo sol e o bo tempo e no que a comparsa “Trazos” fíxose co primeiro premio dotado con 900 euros. En segundo lugar resultou agraciada “A realeza das luces” de Tomiño mentres que “Os festeiros de Bembrive” quedaron en terceiro lugar. O premio “Inclusión” recaeu na comparsa de Andaina. A festa continuará mañá coa Queima do Meco e a música de Los Ásperos, banda tributo a Los Suaves que substitúe ao grupo Hey Hematoma que se cae da programación por problemas de saúde do seu cantante Miguel Costas.
A agrupación redondelá “Trazos” foi este ano a gañadora do 1º premio do Desfile de Comparsas do Concello de Redondela, cun premio dotado con 900 euros. En segunda posición, cun premio de 600 euros, quedou “A realeza das luces” de Tomiño, e o 3º posto foi para comparsa “Os festeiros en festas” de Bembrive, cun premio dotado con 300 euros. O premio “Mocidade” recaeu na agrupación con máis participación infantil e xuvenil, que nesta ocasión foi para “Vaiben”, comparsa de Cepeda, cunha dotación de 500 euros, o premio á “Exaltación do Entroido” para a comparsa redondelá Tío Emilio, con 800 euros, e o Premio “Inclusión” para a comparsa da asociación Andaina, dotada con 500 euros.
A festa continuará este Martes de Entroido. Ás 17.00 horas comezará o Desfile-Concurso de Disfraces individual e colectivo. As inscricións para participar poderán facerse nos soportais do Concello desde as 16.00 e a entrega de premios será ás 18.45 horas.
Os máis pequenos terán o seu espazo na Alameda Castelao con diferentes obradoiros desde as 17.00 e ata as 19.30 horas. As rúas contarán con moita animación da man da batucada de Latexo Percusión. O seu espectáculo de batucada mestura ritmos afro brasileiros con outros universos musicais como o reggae, o funk ou a salsa.
Ás 19.00 horas, fiel á súa cita, celebrarase a queima do Meco co espectáculo “Pachamama” de Troula Animación.
Hai novidades na actuación prevista para as 20:30 horas. Por motivos de saúde do cantante Miguel Costas non pdoerá estar en Redondela o grupo Hey Hematoma. Serán finalmente os componentes de Los Ásperos, banda tributo a Los Suaves, os que se suban ao escenario na praza da Constitución.
Entroido en Chapela
O sábado día 18 celebrarase o Entroido en Chapela. As comparsas reuniranse ás 17.00 horas do alto da Encarnación. Ás 18.00 horas sairá o desfile acompañado polos percusionistas e tamborileiros de Aperta. Pecharán a comitiva os participantes do Enterro do Berete que fará o seu percorrido ata a praia de Arealoga. A queima do Berete será ás 20.15 comezará. A xornada pecharase coa música da discoteca móbil que comezará a sesión ás 20.45 horas no paseo marítimo de Chapela.














