Os nacionalistas non entenden a contundencia do alcalde ao garantir que o Centro de Cesantes será para os maiores cando “foi ninguneado pola Consellería de traballo” e tivo que enterarse do cambio de uso previsto pola Xunta para este edificio grazas a unha pregunta da deputada do BNG Carme Adán no Parlamento “o que amosa a súa incapacidade de xestión ante a Xunta que goberna o seu propio partido”.
O alcalde Javier Bas alude a “pequenos malentendidos que xa foron resoltos cos responsables da Consellería de Benestar Social” para garantir que Xunta e Concello se comprometen en dotar a Redondela dun Centro de día que necesita. Por este motivo o BNG esíxelle ao rexedor local que explique “cales son eses malentendido” para a continuación acusar a Bas de reaccionar neste tema sobre feitos consumados “amosando claramente que non se decata de nada e que é absolutamente ignorado polos seus compañeiros de partido na Xunta”.
Finalmente o BNG de Redondela denuncia “o cinismo e a mentira reiterada como arma política do alcalde de Redondela” ao acusar aos nacionalistas de incumprimento de promesas “cando foi precisamente o BNG no goberno galego o que impulsou este proxecto e deixouno aprobado e coa obra adxudicada cando chegou o PP ao goberno”.