A entidade reclama resolver a paralización urbanística do polígono xa que segundo denuncian a situación actual impide implantar novas empresas, crear emprego e aproveitar economicamente os terreos que pertencen á Comunidade de Montes. Denuncian presuntas presións ao seu presidente e dan de prazo ata xaneiro de 2027 para resolver “o bloqueo urbanístico e administrativo”.
A Comunidade de Montes de Amoedo, presidida por Miguel Míguez Míguez, presentou un requirimento formal ao Concello de Pazos de Borbén para esixir unha solución á situación urbanística e administrativa do Polígono Industrial Chan de Amoedo, cuxa modificación puntual permanece sen aprobación definitiva tras anos de tramitación.
A entidade considera que esta paralización está a impedir a implantación de novas empresas, a creación de emprego e o aproveitamento económico duns terreos cuxa propiedade foi recoñecida xudicialmente á Comunidade de Montes.
Entre as principais demandas figura a tramitación das licenzas conforme ao planeamento vixente, a revisión das cargas urbanísticas e das afeccións previstas, así como unha análise individualizada das parcelas e das infraestruturas pendentes. Tamén solicita acceso ao expediente urbanístico iniciado en 2014, unha explicación sobre o atraso acumulado e un calendario concreto para resolver a situación.
Outro dos asuntos que reclama revisar son as liquidacións do IBI sobre os montes veciñais, á luz das resolucións xudiciais favorables que asegura ter obtido.
A entidade fixa o 31 de xaneiro de 2027 como prazo para que o Concello adopte medidas efectivas que permitan desbloquear o polígono e garantir a tramitación das actividades empresariais. De non producirse avances, estudará recursos xudiciais, reclamacións por responsabilidade patrimonial e outras actuacións ante os organismos competentes.
A Comunidade insiste en que está disposta ao diálogo e á colaboración institucional, pero reclama igualdade de trato, seguridade xurídica e respecto polo patrimonio comunal. Defende que o desbloqueo de Chan de Amoedo non beneficiaría unicamente aos veciños da parroquia, senón que podería contribuír á creación de emprego e ao desenvolvemento económico de todo Pazos de Borbén.









