A Asociación de empresas impulsa a campaña “Descontos que non son contos” para reivindicar o valor do comercio local. Os establecementos que participan nesta iniciativa apostan pola transparencia, a confianza e as promocións reais no comercio de proximidade. A través desta acción, os participantes ofrecerán durante os próximos días 27 e 28 descontos e promocións especiais en múltiples sectores, desde moda, deporte, lencería, calzado e complementos ata fogar, alimentación, servizos persoais ou lecer. Toda a información sobre os comercios adheridos e as ofertas destacadas pode consultarse no espazo web habilitado para a campaña.
A Asociación anima a veciñanza a aproveitar esta xornada, na que se celebra tamén o acendido das luces de Nadal, a achegarse ao comercio local para descubrir as promocións do Black Friday e realizar as súas primeiras compras de Nadal.
Destacan que o obxectivo non é só fomentar as compras nesta recta final de novembro, senón tamén lembrar á cidadanía que o comercio local continúa sendo unha garantía de confianza, proximidade e profesionalidade. “Descontos que non son contos” reivindica así un modelo comercial no que a atención personalizada, o asesoramento profesional e a transparencia nos prezos forman parte da experiencia de compra.
A campaña pon o acento na credibilidade dos establecementos de proximidade, que manteñen unha relación directa coa súa clientela durante todo o ano e que apostan por promocións reais e honestas. Nun contexto no que moitas persoas consumidoras perciben certa saturación de ofertas e reclamos comerciais, o comercio de Redondela reivindica a importancia de mercar preto, con confianza e sabendo quen está detrás de cada negocio.
A iniciativa complétase cunha intensa campaña de comunicación en redes sociais e soportes dixitais, onde os propios establecementos están a dar a coñecer as súas promocións e produtos destacados, contribuíndo a dinamizar a actividade económica local e a reforzar a imaxe do Centro Comercial Aberto de Redondela como un espazo atractivo para realizar as compras do Black Friday.









