A Policía Local de Redondela detivo esta madrugada un individuo como presunto autor dun roubo no establecemento de calzado e complementos Doble L, situado na rúa José Regojo, no centro da vila. O home, coñecido polas forzas policiais, resultou ferido cos cristais mentres facía un burato na porta de entrada para acceder ao interior do comercio. Debido ás lesións, tivo que ser trasladado a un centro sanitario para recibir asistencia médica.
Foi un veciño quen alertou á Policía ao observar movementos sospeitosos no establecemento. Segundo explicaron as propietarias de Doble L, arredor das cinco da madrugada recibiron unha chamada para informarlles do intento de roubo.
Os axentes desprazáronse ata o local e sorprenderon o individuo no seu interior. O home xa tivera tempo de coller algunhas moedas da caixa rexistradora, pero non puido levar ningún outro obxecto ao ser interceptado pola Policía.
Desde Doble L lamentan o sucedido, aínda que recoñecen que as consecuencias puideron ser moito peores. Segundo explicaron, se o individuo chegase a romper o escaparate para acceder ao establecemento, a auga podería ter estragado boa parte da exposición, incluídos os zapatos e os bolsos que teñen á venda.
As responsables do comercio tamén compartiron unha mensaxe nas redes sociais para informar a súa clientela do ocorrido e advertir de que poderían sufrir atrasos na apertura do establecemento así como agradecendo o apoio recibido.
No operativo participaron axentes da Policía Local e Nacional que se fixeron cargo do individuo que pasará agora a disposición xudicial.











