As persoas interesadas en participar nesta iniciativa, que se celebrará o 6 de decembro na Praza de Talo Río, en Arcade, poderán presentar as súas solicitudes ata o 3 de decembro a través da sede electrónica municipal.
A iniciativa ten como obxectivo dinamizar o comercio local, dar visibilidade aos produtos de proximidade e fomentar o consumo responsable a través da reutilización e a economía circular. O III Mercado de Oportunidades e de Segunda Man de Inverno, Nadal 2026, terá lugar o vindeiro 6 de decembro na Praza de Talo Río, en Arcade, en horario de 16:30 a 20:00 horas.
O mercado está aberto á participación de establecementos comerciais locais, artesáns e particulares que queiran ofrecer os seus produtos ou dar unha segunda vida a artigos usados. Ademais, a participación será totalmente gratuíta e o Concello facilitará mesas para a exposición e venda dos produtos.
Dende o goberno local destacan a importancia desta proposta que busca ser un escaparate para os comercios, artesáns e particulares, un espazo no que poidan dar a coñecer os seus produtos e chegar a novos clientes, ao mesmo tempo que un xeito diferente para que a veciñanza desfrute do Nadal.
A concelleira de Comercio e Hostalería, Rosana Comesaña, salientou o valor ambiental da iniciativa e na necesidade de avanzar cara a modelos de consumo máis sostibles. «Apostamos pola economía circular e pola sustentabilidade, demostrando que moitos produtos doutras tempadas ou de segunda man poden converterse nunha nova oportunidade. Reutilizar tamén é consumir de maneira responsable», afirmou.
Con esta terceira edición, Soutomaior busca consolidar un espazo de encontro entre comercio, artesanía e cidadanía, combinando a dinamización económica local co fomento da reutilización e o consumo responsable durante a campaña de Nadal.










