A chamada para participar no acendido converteuse nunha resposta multitudinaria: decenas de pequenos subiron ao escenario ata enchelo por completo para premer xuntos o botón que iluminou a vila nunha tarde de música e fantasía.
En Redondela abondou con lanzar unha invitación ao público para que os nenos e nenas se achegasen ao escenario e participasen no acendido do Nadal. A resposta superou todas as expectativas: foron tantos os pequenos que quixeron sumarse que acabaron ocupando todo o escenario, ata non deixar sitio para ninguén máis.
Así, nunha imaxe que resume o espírito destas datas, a rapazada converteuse na auténtica protagonista da inauguración do Nadal redondelán. Moitas mans xuntas para premer o botón e dar a benvida ás festas coa iluminación de toda a vila.
A celebración comezara xa con ambiente festivo nas rúas. O pasarrúas O soño de Lúa, da compañía Troula Animación, percorreu o centro de Redondela cunha proposta chea de música, personaxes fantásticos e animación que congregou numerosas familias. O espectáculo foi quentando o ambiente ata chegar ao momento máis agardado da tarde.
No escenario estaban a alcaldesa, Digna Rivas, o mestre de cerimonias e a emblemática Coca Simona. A rexedora explicou que este ano se quixo ceder todo o protagonismo aos máis pequenos, porque, como sinalou, “os verdadeiros protagonistas do Nadal son os nenos e as nenas de Redondela”. Unha celebración, engadiu, para compartir, soñar e vivir coa ilusión da infancia.
A festa tivo tamén un espazo para a solidariedade. Nos soportais da Praza do Concello instaláronse postos de dúas iniciativas locais que aproveitaron a afluencia de público para recadar fondos e dar a coñecer o seu traballo. Un deles foi o da ONG Da Man, organización redondelá dedicada á cooperación ao desenvolvemento e á axuda humanitaria, con proxectos de colaboración especialmente centrados en Senegal.
Tamén estivo presente a comparsa Trazos Festival, que puxo en marcha un ano máis a súa propia caseta para conseguir recursos cos que financiar os gastos de preparación da comparsa, desde a elaboración dos disfraces ata as carrozas e a posta en escena. As familias que forman parte deste colectivo, integrado por arredor de 60 persoas, na súa maioría nenos e nenas, ofreceron artigos de decoración de Nadal, pequenas casas decorativas, pendentes, bisutería e calcetíns, ademais de chocolate quente.
Case 900.000 luces para vestir de Nadal o municipio
Co acendido, Redondela estrea tamén un importante despregamento decorativo que se estende máis alá do centro urbano. En total, o municipio conta con máis de 5.000 metros cadrados de iluminación, 200 arcos e arredor de 600 elementos decorativos, que reúnen 895.000 luces LED.
Chapela terá que agardar para celebrar o seu acendido
A meteoroloxía obrigou, porén, a modificar os plans previstos para Chapela. As actividades de acendido programadas para este sábado quedaron aprazadas ante a previsión de chuvia. A iluminación de Nadal quedará instalada e acesa tamén nesta parroquia, pero o espectáculo e o pasarrúas terán que esperar a unha nova data, que será comunicada polo Concello en función da evolución do tempo.
Un Nadal con circo e verbena de Noitevella
O acendido marca o inicio dunha programación que este ano incorpora novidades destacadas. Entre elas figura o Circo de Nadal, que se instalará no Campo da Feira entre o 24 de decembro e o 3 de xaneiro. Haberá galas de circo, espectáculos infantís, humor e propostas dirixidas a públicos de todas as idades.
Outra das estreas chegará na despedida do ano. Redondela recibirá o 2027 cunha gran verbena de Noitevella, que terá lugar despois das badaladas coa actuación da Orquestra Kubo.
A programación completarase coas citas habituais destas datas, como as visitas de Papá Noel, os festivais de panxoliñas e as cabalgatas de Reis. Pola súa banda, o Ciclo Interparroquial Infantil trasladarase ao primeiro trimestre de 2027, coa intención de reforzar as actividades e facilitar que cheguen a todas as parroquias.




















