O Multiúsos da Xunqueira acolle este sábado 28 de novembro, a partir das 18.00 horas, un encontro coa música tradicional coa presentación do libro-disco “O Xeito de Polo” do gaiteiro vigués Álvaro Costa. O proxecto nace co obxectivo de documentar e preservar a particular técnica de tocar a pandeireta do seu avó, Wenceslao Cabezas, coñecido como «Polo» e vinculado tamén con Redondela por ter dirixido o grupo Coros y Danzas. A presentación contará coa actuación do grupo Airiños do Parque de Castrelos e o concerto de The Crass, que encherá o auditorio coa súa proposta de folk internacional.
O acto terá lugar nos Multiúsos da Xunqueira e comezará ás 18.00 horas coa presentación do libro-disco, unha publicación que recolle a maneira orixinal e xenuína coa que Polo entende e interpreta a pandeireta. O obxectivo é deixar constancia dun estilo propio, transmitido durante décadas a través da tradición oral, e evitar que este legado musical se perda co paso do tempo.
A programación continuará ás 18.45 horas coa presentación do sexto disco de Airiños do Parque de Castrelos, formación histórica da que Polo forma parte e que leva décadas vinculada á música tradicional galega. Fundado en 1943, o grupo prepara este novo traballo con temas recuperados de antigas gravacións. A xornada rematará ás 20.30 horas co concerto de The Crass, que achegará a súa proposta de folk internacional.
«O xeito de Polo» nace da vontade do seu neto, Álvaro Costas, de rexistrar unha forma moi particular de tocar a pandeireta que leva escoitando desde a infancia. O libro analiza os recursos rítmicos e as características interpretativas do seu avó, Wenceslao Cabezas “Polo“ cun enfoque didáctico que permite achegarse á súa técnica e poñela en práctica.
Aínda que a súa faceta máis coñecida está relacionada co ensino do baile tradicional, a súa maneira de tocar a pandeireta deixou tamén unha pegada singular. A súa técnica e o seu xeito de entender o instrumento convertéronse nunha referencia para outros músicos.
“Polo”, é unha figura de referencia no folclore galego e, especialmente, na música e no baile tradicional de Vigo. Foi director da Escola Municipal de Música e Danza Tradicional durante máis de catro décadas e integrante de Airiños do Parque de Castrelos.
A súa traxectoria está ademais vinculada ao disco Santiago (1996), de The Chieftains, no que participou xunto a Carlos Núñez, traballo recoñecido cun premio Grammy pero tamén a Redondela. Polo dirixiu o grupo Coros y Danzas entre 1969 e 1976, formación que chegaría a participar no festival da OTI.
A presentación de Redondela ofrece unha oportunidade para achegarse a unha parte singular do patrimonio musical galego e recoñecer a figura dun mestre que fixo da súa maneira de tocar a pandeireta un sinal de identidade.










