O galardón recoñece o traballo de López Presedo «25N – O Padroado de Protección á Muller», no que a xornalista analiza o que foi esta institución pública que funcionou principalmente durante a ditadura franquista e que actuou como un mecanismo de control social e represión sobre moitas mulleres que foron internadas por condutas consideradas “inmorais” ou “díscolas”, por conflitos familiares ou por non encaixar no modelo social da época. O acto de entraga do premio celebrouse na Oficina de Turismo e contou coa asistencia de alumnado e profesorado do IES Mendiño.
O Concello entregou este mediodía do VI Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista á xornalista Nuria López Presedo. O galardón recoñece o episodio «25N – O Padroado de Protección á Muller», integrado no espazo sonoro A ferida aberta no 36.
A entrega do premio contou cun un emotivo faladoiro protagonizado pola propia Nuria López, a historiadora e investigadora Belén López Cillero (colaboradora no podcast) e Silvia Fernández, viúva de Eva García, vítima do Padroado e recoñecida polo Goberno como vítima do franquismo. As tres afondaron na realidade do Padroado e na represión exercida contra nenas e mulleres baixo a ditadura e os primeiros anos da democracia. Salientaron o silencio imposto arredor do que acontecía no interior dos centros, onde se produciron graves vulneracións dos dereitos humanos, traballos forzados, torturas e o roubo de bebés.
A presenza do estudantado do IES Mendiño permitiu tender unha ponte xeracional imprescindible “para que as novas xeracións coñezan esta parte da historia recente”.
Durante o acto a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, destacou a importancia de consolidar un certame que naceu da man da familia de Sesé Mateo para promover un xornalismo rigoroso e respectuoso coas vítimas e as súas familias, que fuxa de sensacionalismos. Pola súa banda, Joshua Mateo, fillo de Sesé Mateo, agradeceu o compromiso do Concello e das profesionais da comunicación por manter vivo o legado de loita e xustiza social da súa nai.
Pola súa banda a alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que o traballo premiado pon o foco en nenas e mulleres que foron dobremente vítimas da represión franquista. “Mulleres que non só padeceron a ditadura polo feito de ser demócratas, roxas ou familiares de represaliados, senón que sufriron unha violencia específica, moral e institucional polo simple feito de seren mulleres.









