Hoxe é Xoves 12 de Novembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Teatro e actos institucionais para conmemorar o 25N

Presentación.25N.IES.Mendiño.181052dd-54a3-4f09-a0cb-3f92258cdb7b

A campaña do Concello co gallo do día Internacional da Eliminación da violencia contra as mulleres leva por lema “Game over, A violencia machista non é un xogo” e inclúe a realización de podcast para que alumnos e alumnas dos Institutos expresen como perciben e viven o machismo nas contornas dixitais, as redes sociais e os videoxogos. A programación complétase co II Ciclo de Teatro Mestra Paulina, a entrega do VI Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético e o acto institucional que terá lugar o propio 25 de novembro na praza do Concello ás 12:00 horas.

Baixo o lema “GAME OVER. A violencia machista non é un xogo”, o goberno local explicou que unha das actividades principais da programación deste ano co gallo do 25N será a realización de podcasts nos institutos do municipio para que alumnos e alumnas expresen abertamente as súas ideas e reflexións sobre como perciben o machismo nas contornas dixitais. Esta actividades complementarase cos obradoiros que se imparten nas aulas baixo o título “Do móbil aos videoxogos: identificar e previr o machismo dixital”.

A alcaldesa Digna Rivas subliñou que “coa campaña deste ano queremos incidir en que o machismo non entende de formatos nin de idades. As pantallas e os videoxogos non poden ser espazos de impunidade para as condutas violentas ou o acoso. A nosa obriga é facilitar que a mocidade teña voz propia e nos axude a poñer un punto e final real, un auténtico ‘Game Over’, á violencia machista”.

A programación inclúe tamén o II Ciclo de Teatro Mestra Paulina con perspectiva de xénero. O auditorio da Xunqueira acollerá as obras “Cámara Escura”, de Vórtice Escénico, o día 15, e “Feminísimas”, De Ste Xeito Producións, o domingo 22. As dúas citas ás 19:30 horas.

O acto institucional do 25 de novembro celebrarase na praza do Concello ás 12:00 horas. A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, anunciou que se presentará a actividade interxeracional “A nosa memoria”, realizada conxuntamente polos centros escolares e os centros de día e darase lectura ao manifesto do 25N con textos de Asociación Lenda de Saúde Mental, Asociación Andaina de Persoas con Diversidade Funcional e as profesionais do Servizo de Atención Temperá.

A parte artística correrá a cargo de Neves Seara coa peza “Arroz con leite eu quero casar…” e a intervención do grupo “As silenciadas”. O acto pecharase coa tradicional entrega floral na árbore Ginkgo Biloba da rúa Salgueiral. O Goberno local fai fincapé no traballo comunitario e transversal desta programación do 25N “que reflicte o esforzo de todo un pobo unido pola igualdade.

O VI Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético entregarase o xoves 26 de novembro ás 12:00 horas na Oficina de Turismo.

As actividades continuarán co contacontos para público infantil “As tecedeiras da esperanza”, con Anxo Moure. A actividade estará acompañada de obradoiros de reciclaxe. Será o venres 27 de novembro ás 18:30 horas no Multiusos do Piñeiral do Crego (Chapela).

Xa en decembro celebrarase a mostra fotográfica Express-Arte do día 4 a 17 no Multiusos da Xunqueira financiada pola Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.

A campaña esténdese ás aulas ao longo de todo o curso escolar a través de catro bloques temáticos fundamentais de obradoiros e charlas como “Falemos de sexo. Afectividade, sexualidade e pornografía”, “Do móbil aos videoxogos: identificar e previr a violencia dixital”, “Sexualidade en igualdade: educación afectivo-sexual para a prevención da violencia machista” ou “Prevención dos Trastornos de Conduta Alimentaria dende a perspectiva de xénero: violencia estética”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará